60 candeas de cultura da Fundación Penzol

A entidade celebra o aniversario cunha exposición de 60 materiais seleccionados o seu fondo

A Casa Galega da Cultura acolle hoxe a inauguración da exposición "60 pezas para 60 anos. Fundación Penzol, 1963-2023". A mostra que conmemora os sesenta anos da creación desta institución está comisariada por Francisco Domínguez, que dirixiu a Fundación durante case doce anos, que contou coa colaboración de Malós Cabrera e Xosé M. Soutullo. Na exposición preséntanse sesenta pezas, unha por cada ano de existencia da Fundación, seleccionadas dos seus valiosos fondos das seccións de obxectos, carteis, cartografía de Galicia, libros manuscritos, fondos arquivísticos, libros impresos e revistas e publicacións periódicas.


Segundo comunica a Fundación Penzol, para conseguir unha mostra significativa do que se custodia nas súas instalacións empregáronse varios criterios. Seleccionáronse entre os documentos e libros máis antigos aqueles nos que destaca a presenza da lingua galega; aqueles documentos ou obxectos que mostran a memoria de Galicia por medio da obra de destacados literatos, políticos, lingüistas e historiadores; documentos cartográficos; e procurouse a presenza dalgunha peza dos diferentes fondos arquivísticos pertencentes a destacadas figuras da nosa cultura. No acto de inauguración intervirán Francisco Domínguez (comisario da mostra e padroeiro da Fundación Penzol), Víctor F. Freixanes (presidente da Real Academia Galega), Antón Vidal Andión (vicepresidente 1º da Fundación Penzol) e Abel Caballero (alcalde de Vigo). A exposición poderá visitarse ata o 21 de maio.