Recoñecer a "ampla traxectoria vital vencellada á dramaturxia e á literatura cunha fonda pegada de Álvaro Cunqueiro" do dramaturgo Manuel Lourenzo é o obxectivo da distinción "Cunqueirano de Honra 2023" concedida polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Así se decidiu este pasado sábado na vila lucense onde tamén terá lugar, o vindeiro martes 28 de febreiro, o acto solemne de entrega da distinción, no salón de Plenos do Concello. Corresponderá a Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), en representación da comisión que así o decidiu, facer a laudatio de Lourenzo coa exposición dos seus méritos. Ademais de por Abel Vigo, a comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC). Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943) é dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática entre outros moitos galardóns na súa carreira.