Luís Alonso Girgado foi escolleito Cunqueiriano de Honra

O Concello de Mondoñedo entregaralle o galardón o vindeiro 28 de febreiro

3/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: literatura
71 lecturas | Compartido 0 veces

O ensaísta, crítico e investigador Luís Alonso Girgado foi galardoado este 2 de febreiro co título Cunqueiriano de Honra polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. O recoñecemento valora "o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense". 

Segundo salienta o Concello, Alonso Girgado "é un dos máis destacados ensaístas e críticos galegos das últimas décadas. Catedrático de Lingua e Literatura, foi durante anos secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades". O homenaxeado correu coa edición de diferentes compilacións de artigos de Cunqueiro, ademais do volume Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos ou Remuíño de prosas (2011). Ademais, entre outras obras, correu co lanzamento do dobre dvd Álvaro Cunqueiro (1911-1981) (2013). Como responsable da colección Cadernos Ramón Piñeiro promoveu a publicación dos epistolarios Saiban cantos estas cartas viren... Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961) (2012) e Cunqueiro, destinatario (2014).

César Cunqueiro, Xosé Manuel Soutullo, Alberto García Fernández, Antonio Reigosa, Abel Vigo García, Miguel González Somovilla e Armando Requeixo compuxeron o comité de selección deste recoñecemento. O homenaxeado recibirá o diploma acreditativo e a figura conmemorativa do galardón o vindeiro 28 de febreiro no Salón de Plenos do Concello.

Universo culturagalega.gal

Universos

Claves