A Editorial galaxia recibe o Cunqueirana de Honra

Hoxe lévanse a cabo os actos de conmemoración do cabodano do escritor en Mondoñedo

Hoxe lévanse a cabo os actos de conmemoración do cabodano do escritor en Mondoñedo
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro entregan hoxe a distinción de Cunqueiriana de Honra 2025 a Editorial Galaxia. Será nun acto ao mediodía no salón de plenos con laudatio a cargo de César Cunqueiro, fillo do ilustre mindoniense. Esta distinción ten como obxectivo "recoñecer o labor daqueles persoeiros ou entidades que se teñen significado na visibilización e proxección" da figura de Álvaro Cunqueiro e nesta ocasión quixeron poñer en valor "o vencello histórico que une a Editorial Galaxia e os seus fundadores co escritor mindoniense, pois foi neste selo editor onde veu a luz a meirande parte da súa obra e aínda hoxe continúa a publicarse". Os actos de conmemoración do cabodano de Cunqueiro comezarán ás 11:00h no Cemiterio Vello, onde terá lugar a Ofrenda Floral diante da tumba do autor. A comitiva trasladarase ao Salón de Plenos do Concello, onde se celebrará a cerimonia de entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra á Editorial Galaxia.

Dende a organización lembran que a Editorial Galaxia, que neste 2025 celebra o 75 aniversario da súa fundación, tivo un "papel decisivo" na recuperación literaria de Cunqueiro na posguerra, "pois nela apareceron algúns dos títulos maiores do autor, como 'Merlín e familia' (1955), 'As crónicas do sochantre' (1956), 'Escola de menciñeiros' (1960) ou 'Si o vello Sinbad volvese ás illas' (1961), e xa nos derradeiros anos do escritor 'Xente de aquí e acolá' (1971), 'Os outros feirantes' (1979) e a súa 'Obra en galego completa' (1980)”. Engaden que en tempos máis recentes Galaxia reeditou estes e outros títulos na Biblioteca Álvaro Cunqueiro, "aos que sumou compilacións da súa poesía, teatro e articulística e, na súa división de Mar Maior, a reedición de El año del cometa, Flores del año mil y pico de ave, a versión castelá Merlín y familia e mais Vida y fugas de Fanto Fantini". Esta distinción á Editorial Galaxia tamén busca recoñecer a do proxecto, como Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xaime Illa Couto ou Domingo García-Sabell, quenes dende os seus inicios apoiaron a escrita e a proxección autorial de Álvaro Cunqueiro.