Orgullo Galego organiza as II Xornadas Online sobre o Entroido

O programa pode seguirse en Twitch a partir deste 6 de febreiro

O programa pode seguirse en Twitch a partir deste 6 de febreiro
O Entroido de Cobres, en Vilaboa, protagoniza a primeira sesión das II Xornadas Online sobre o Entroido de Galiza. O proxecto Orgullo Galego organiza a segunda xeira deste programa que ao longo das vindeiras semanas achegará á canle de Twitch da iniciativa diferentes análises sobre esta celebración.

Os encontros, que se poderán seguir ao vivo pola rede e quedarán na canle de Youtube de Orgullo Galego, arrincan ás 20:30 horas deste 6 de febreiro cunha presentación sobre o Entroido tradicional de Cobres, Vilaboa. O día 7 o antropólogo Rafa Quintía impartirá, á mesma hora, unha conferencia sobre "Ritos e oficiantes do Entroido", mentres o día 8 a sesión dedicarase ás peculiaridades desta festa en Sande.

As xornadas continuarán co mesmo horario o día 13 cunha retransmisión ao vivo centrada no simbolismo do Entroido, a cargo de Antonio Reigosa, mentres o día 15 Lidia Mariño abordará a significación desta celebración e o día 16 presentarase o Entroido de Maceda. A fechar o encontro, o día 23 ás 21:15 horas presentaranse as IX Xornadas sobre o Entroido en Galiza, que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega, e o 1 de marzo, de novo ás 20:30 horas, darase a coñecer o encontro Mascarada Ibérica.