Quiosco: Murguía protagoniza o novo número de Follas Novas

Un roteiro guiado por Compostela lembra o primeiro presidente da RAG o día 4

A Sala de exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo acolle este 3 de febrero a presentación do sétimo número de Follas Novas. A revista da Fundación Rosalía lanza un número monográfico sobre Manuel Murguía, home da poeta, a coincidir coa celebración do centenario do seu falecemento.

Deste xeito, a entrega, patrocinada polo Concello de Arteixo, recolle estudos de especialistas como Xosé Estévez, Manuel Forcadela, Xosé A. Fraga, Narciso de Gabriel, Aurora López e Andrés Pociña, José Luís do Pico e Francisco Rodríguez, entre outros. Entre os temas que se abordan, están "desde a súa ascendencia vasca, o seu celtismo, a súa relación co naturalista Vítor López Seoane, o seu pensamento sobre o medioevo, unha publicación escolar que realizou (La primera luz), ou o apéndice musical da súa Historia de Galicia", segundo informa a Fundación.

De xeito paralelo, a Asociación Cultural O Galo súmase ás homenaxes ao que foi o primeiro presidente da Real Academia Galega cun roteiro guiado que repasa a presenza de Murguía en Santiago de Compostela. O historiador Prudencio Viveiro repasará este sábado 4 a partir das 12:30 horas a actividade do autor na capital galega desde que, sendo adolescente, foi testemuña do levantamento de 1846 e da represión que o seguiu. Un percorrido polos lugares do casco histórico nos que viviu a familia creada por Rosalía de Castro e Manuel Murguía e polos espazos onde desenvolveu o seu activismo facilitarán un repaso pola vida e obra do historiador.