Presentan unha nova carta inédita de Rosalía de Castro

Publícase no novo número da revista Follas novas que se presenta esta tarde

O novo número da revista Follas novas, que edita a Fundación Rosalía de Castro para difundir investigacións sobre a autora e o seu tempo, dá a coñecer unha nova carta inédita de Rosalía de Castro. Rosalía debeu ter un amplo epistolario pero a día de hoxe só se coñecen dezaseis cartas, aínda que segundo Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, "a aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable". A carta, descuberta por Pablo Carou e editada polo propio Anxo Angueira, debeu ser escrita entre 1865 e 1866 en Santiago de Compostela e está dirixida ao amigo de Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro, José Villaamil y Castro. Rosalía contesta nela a unha pregunta sobre o uso do sombreiro ou da mantilla no teatro e afirma que "no voy nunca ao teatro". Angueira revisa no artigo o teatro en Compostela neses anos e a relación da propia Rosalía coa arte dramática. Segundo o experto, a carta demostra "ata certo punto a autonomía de Rosalía [a respecto de Murguía] e que con toda seguridade mantiña relacións autónomas. Aínda que a relación é entre Murguía e Villaamil, Rosalía ten un xesto de amabilidade e de querer abrir esa relación ao conxunto desas dúas parellas". A resposta ao asunto do chapeu ou a mantilla, segundo Angueira, ten bastante fondo, xa que non é unha cuestión de moda, senón política: "A mantilla está ligada ao tradicionalismo e o sombreiro á apertura e ao afrancesamento. Ela mesma sempre foi a pelo, nunha acción ideolóxica moi clara". O número 4 da revista Follas novas será presentada o venres ás 20 horas no Pazo de Lestrobe, en Dodro.


Texto da carta:

Castro (Rosalía)

Murguia no está en casa y me tomo la libertad de contestar á la atenta de V, diciéndole que aun que no voy nunca al teatro tengo entendido que en esta poblacion se estila mas ir a cuerpo que con sombrero o mantilla, ya sea a palco o luneta aun cuando en una forastera todo esta admitido.

Tan pronto venga Murguia que no debe tardar, le hare presente la atención de V. y el le dará en persona las gracias y la respuesta.

Tengo la satisfaccion de ofrecerme con esto su servidora y de demostrarle mi sentimiento, por no haber podido visitar á su apreciable Señora a quien se servira hacer presente mis respetos, contando V a si mismo con una servidora y amiga.

QB S M
Rosalia Castro de Murguia