Investigan unha excepcional pía decorada da Idade do Ferro

Atópase na capela de Folgoso (Esgos, Ourense) e considérase un exemplar único

Atópase na capela de Folgoso (Esgos, Ourense) e considérase un exemplar único
A pía de Folgoso. Foto: Eva González Formoso
Trátase dunha obra de arte "única para o contexto da Idade do Ferro do Noroeste peninsular" e ata agora permanecía sen estudar. Un estudo de Eva González Formoso, recentemente publicado na revista Minius, da conta dun achado excepcional e sen paralelos ata o momento na rica escultura producida polos galaicos durante a idade do Ferro. Na capela de Folgoso, na parroquia de Santa María de Vilar de Ordelles (Esgos, Ourense) custódiase unha "pía" que non ten nada que ver co resto das pías bautismas de Galicia. Ten 36,5 centímetros de alto e está toda ela gravada cos símbolos clásicos recoñecibles nas pedras formosas das saunas, nos motivos decorativos das casas ou nas esculturas da Idade do Ferro: trisqueis, círculos concéntricos ou baquetóns. A maiores, a pedra conserva polícromía, con importantes restos de pigmento vermello ou azul, aínda que non se pode determinar a que época pertence. A pedra conta cunha pía interior profunda. Non hai paralelos ata o momento coñecidos na época para esta pía. Aínda que a pedra se conserva dentro da capela, os veciños non lembran o seu uso como pedra bautismal. Para Eva González, a peza adscríbese á arte galaica da Idade do Ferro, aínda que considera que puido ter sido trasladada da súa localización orixinal.


As pezas de Santa Mariña de Augas Santas. A localizada no Forno da Santa (esquerda) e a Ara de Santa Mariña (dereita).

Os paralelos que a investigadora tentou localizar para esta pedra atopounos na propia provincia de Ourense, en varias pías e altares custodiadas en diferentes igrexas. En concreto, ara-relicario de San Pedro de Rocas ou dúas pezas na parroquia de Augas Santas, en Allariz: unha localizada no Forno da Santa, preto da sauna castrexa, e outra, denominada como a Ara de Santa Mariña de Augas Santas. Para Eva González, son estas pezas alaricanas as que teñen máis proximidade coa pía de Folgoso.


Ara de San Pedro de Rocas (esquerda) e cavidade da pía de Folgoso (dereita). Fotos: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e Eva González Formoso

"O máis excepcional desta pía de Folgoso é a súa decoracion con trisqueis e postas que ocupan as catro caras do cubo superior". González Formoso propón que a peza puido vir de algún castro próximo "por gustar as súas características e ser apta para o uso litúrxico, xa como pía ou como pe de altar". A investigadora tamén apunta que puido ser adaptada para albergar, no seu momento, reliquias nesa pía central, como no caso do altar de San Pedro de Rocas, algo moi frecuente nas aras da Tardoantigüidade e Alta Idade Media.