Comezan as actividades do Ano Murguía na Coruña

Unhas xornadas e un acto polo centenario do seu pasamento son as primeiras conmemoracións

Unhas xornadas e un acto polo centenario do seu pasamento son as primeiras conmemoracións
Cortexo fúnebre de Murguía. Fonte: RAG
Este 1 de febreiro, a coincidir co centenario do enterro de Manuel Murguía, comezan na Coruña as actividades do ano que se lle dedica ao historiador. A inauguración dunha placa deseñada por Pepe Barro ao pé da súa tumba será o primeiro dos actos de homenaxe, que continuarán cun encontro institucional no salón de plenos do pazo de María Pita.

Neste evento o académico Ramón Villares será o encargado de lembrar a figura do homenaxeado, o seu pensamento e o seu legado. Segundo destaca o historiador, "Murguía é figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna".

A esta proposta seguiralle o día 2 a inauguración na Fundación Seoane das Xornadas Manuel Murguía. Centenario 1923-2023, que contan co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Rosalía, o Concello da Coruña e a propia Fundación Luis Seoane. Estes encontros, que continuarán os xoves 9 e 16 de febreiro en Santiago e en Padrón, "profundarán na idea de Galicia de Murguía e na relación entre a literatura e nación, respectivamente". As sesións de acceso aberto, poderán seguirse na rede.

Na primeira das sesións Xosé Luís Axeitos afondará na relación de Murguía coa cidade da Coruña e coa RAG. Canda a el, "Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro", segundo explica a RAG.

A sesión do 9 de febreiro contará con achegas dos historiadores Xusto Beramendi e Ramón Villares e do politólogo Ramón Máiz, e rematará cunha actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC formado por Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola.

No feche, a Fundación Rosalía de Castro acollerá unha mesa redonda sobre literatura e nación coa biógrafa de Rosalía María Xesús Lama e os tamén investigadores Xurxo Martínez e Ana Acuña. A música do barítono Eliseu Mera e do pianista Cándido Cabaleiro poralle o ramo aos encontros.