Malasombra estrea a ópera rock "VOX POPULI"

A montaxe musical e teatral trata sobre os riscos do auxe da extrema dereita nas sociedades democráticas

Con formato de ópera rock a compañía Malasombra Producións estrea este venres en Narón o espectáculo "VOX POPULI", unha montaxe con texto e dirección de José Prieto na que participa un extenso elenco dunha ducia de actores e actrices que interpretan en directo temas musicais orixinais do libreto. A idea orixinal de Xoque Carbajal sobre a que está montada "VOX POPULI", estruturase sobre a posibilidade da implantación de réximes autoritarios en sociedades democráticas a partires do auxe dos partidos e discursos de extrema dereita en todo o mundo nos últimos anos. Carlos Mosquera Mos é autor das cancións orixinais do espectáculo ademais de exercer a dirección musical e formar parte do elenco interpretativo, xunto con Xoque Carbajal, Susana Sampedro, César Goldi, Paku Granxa, Bea García, Paula Pier, Celia González, Brais Iriarte, Pablo Leira, Chechu Mosquera e Lorena Cachito.

Segundo a sinopse, na obra un cidadán esperta unha mañá coa ilusión de ir votar nas eleccións, pero a ilusión convértese en desencanto e frustración ao non verse representado por ningún dos candidatos. Cando xa semella decidido por absterse, achégase a el unha militante dun novo partido. Un partido que di que o escoita, que enténdeo, que apóiao e deféndeo. O cidadán, segundo o texto da obra, recupera a fe perdida e vota polo novo partido. Ese voto, e outros moitos coma ese fan que o novo partido poida chegar a gobernar, pero cando o partido chega ao poder aproveita para cambiar o sistema e convertelo nun réxime autoritario. A obra amosa como estas forzas poden chegar a poñer en cuestión aspectos como os dereitos sociais, a inmigración ou as liberdades, entre outros. A obra estréase este venres no Pazo da Cultura de Narón, representándose tamén o sábado 21 de xaneiro. Tras diso a seguinte presentación será o vindeiro día 27 de xaneiro en Arteixo.