Agadic modifica as convocatorias activas das axudas do Hub da industria creativa galega

O DOG do pasado día 5 recolleu os cambios que amplían os prazos e aumentan en case 800.000 euros

O grande volume de solicitudes presentadas ás axudas convocadas ao abeiro do programa 'Hub da industria creativa galega' para a dotación de equipamentos e activos de innovación e competitividade e para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais ven de motivar unha modificación in extremis das convocatorias, ampliando os seus prazos de xustificación e aumentado as partidas que se lles dedican, financiadas ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A administración recoñece nas dúas resolucións modificatorias, publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado día 5 de xaneiro, a súa imposibilidade de realizar a valoración das solicitudes ata o momento presente, o que fai imposible para os beneficiarios xustificar o investimento realizado, o cal motivou reiteradas peticións desde o sector pedindo esta modificación de prazos. As novas resolucións inclúen un aumento das partidas, con cargo o 2023, que suben en total 780.000 euros respecto ao anterior orzamento.

De acordo coas novas resolucións da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, as axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais teñen un novo prazo de solicitude que comezou este 6 de xaneiro e está aberto ata o 6 de febreiro de 2023. A súa dotación amplíase dos 300.000 euros iniciais ata o s 380.000 euros. As axudas á dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega tamén teñen un aumento da dotación e apertura de novos prazos, coincidentes cos da outra axuda, mentres que o rozamento pasa dos 1.300.000 euros aos 2.000.000 de euros. Todas estas partidas están financiadas ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.
Ligazóns