O histórico vagón ferroviario Verderón loce restaurado en Compostela

Un investimento de 60.000 euros permitiu recuperar o exterior deste elemento patrimonial

Unha representación da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago inauguraban este 27 de decembro a restauración do vagón Verderón, estacionado desde os anos 70 no exterior da estación de ferrocarrís de Compostela. Un investimento conxunto de 60.000 euros por parte das dúas institucións permitiu recuperar o exterior deste elemento do patrimonio ferroviario e da locomotora que o acompaña, moi degradados pola exposición á intemperie.

Os traballos, segundo indica a Consellería de Cultura, "consistiron na substitución da caixa e chasis dos dous laterais exteriores, o saneamento dos testeiros frontais exteriores, a reparación do bastidor e do sistema de rodadura", así como "a instalación dun novo equipo de climatización, reparación e pintura das escaleiras e reparación dos focos".

O vagón, construído nos anos trinta, e a locomotora anexa funcionan como sede da Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril. Logo da restauración, o conxunto acollerá de novo actividades para achegar o ferrocarril á comunidade escolar, como fixo en anos anteriores. Visitas ao vagón, á locomotora e á estación intermodal de Compostela ou viaxes ferroviarias á casa de Rosalía de Castro e á Fundación Camilo José Cela son algunhas das propostas que se prevén.

A Asociación anunciou a súa intención de aproveitar estes elementos para celebrar en 2023 o 150 aniversario do primeiro ferrocarril galego. Pola súa banda, Concello e Xunta anunciaron a súa intención de repetir o investimento deste ano para abordar a restauración do interior do vagón en 2023.