A fonte de Praterías e o arco de Mazarelos acollerán traballos de restauración

O Consorcio de Santiago investirá 400.000 euros en recuperar estes elementos patrimoniais

O Consorcio de Santiago investirá 400.000 euros en recuperar estes elementos patrimoniais
Arco de Mazarelos e fonte de Praterías. Fonte: Turismo de Galicia
Un investimento de 400.000 euros permitirá recuperar ao longo de 2025 dous recoñecidos monumentos da capital galega. O Consorcio de Santiago investirá estes fondos para restaurar o arco de Mazarelos, última porta conservada da antiga muralla da cidade, e mais a fonte das Praterías, icónico elemento nas proximidades da catedral.

Segundo informa a entidade, as intervencións centraranse na eliminación das principais patoloxías que afectan aos monumentos e mais na elaboración de cadanseu protocolo de mantemento para favorecer a súa conservación a longo prazo.

No caso concreto do arco de Mazarelos, un investimento de 188.986 euros facilitará a "limpeza da fábrica para eliminar raíces e elementos daniños, mantendo só aqueles líquenes que non comprometan a integridade da estrutura". De xeito previo a estes traballos realizouse unha análise mediante escáner láser e levantamento 3D, "que permitiu identificar acumulación de vexetación e restos de intervencións de distintas épocas".

No caso da fonte de Praterías, as intervencións, dotadas con 211.686 euros eliminarán a sucidade acumulada nas esculturas e abordarán o deterioro do sistema de canalización, con condutos obstruídos ou danados. Ademais realizarase a "limpeza e consolidación das esculturas, así como a recuperación do circuíto de auga con materiais e técnicas compatibles cos elementos patrimoniais".

Nas intervencións aplicaranse métodos pouco invasivos, como o láser ou as microsferas de goma, para evitar o deterioro dos bens.