Xosé Antón Cascudo gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

O galardón, dotado con 3.000 euros, foi para a obra A mística da feminidade en Mad Men

O galardón, dotado con 3.000 euros, foi para a obra <i>A mística da feminidade en Mad Men</i>
Xosé Antón Cascudo. Fonte: Distrito Xermar. AELG.
A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, foi seleccionada polo xurado do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio como vencedora da edición deste 2022. O galardón, dotado con 3.000 euros, está organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais a Editorial Galaxia, que publicará a obra, co patrocinio de Caixa Rural Galega.

A organización do premio daba a coñecer na mañá deste 26 de decembro o fallo do certame, que valorou "a súa aposta polo ensaio dende a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema".

A abordar a coñecida serie Mad Men desde a perspectiva feminista de Betty Friedan, a obra supón, segundo o xurado, "unha proposta ensaística que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo".

Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto, foron os responsables da selección. Xosé Antón Cascudo, nado en Guitiriz en 1976, é licenciado en Historia da Arte, doutor en Filosofía e na actualidade profesor asociado na USC. Alén da docencia centra o seu labor profesional na realización de documentais e desenvolve un importante traballo de análise sobre o audiovisual.