Un repaso por iniciativas destacadas da historia do deseño en Galicia, tanto a nivel gráfico como industrial ou de produto. Esta é a proposta da exposición Formas propias. Deseño para a Innovación en Galicia que acolle en Compostela a Fundación DIDAC. En paralelo, esta entidade, co apoio da Axencia Galega de Innovación, lanza o Dicionario do deseño e da innovación en Galicia, unha publicación que compila os fitos históricos desta disciplina e que amosa o xeito no que contribuíu a conformar o noso país.
Desde tractores e máquinas de coser que marcaron épocas no desenvolvemento industrial e agrario galego ata as propostas contemporáneas en deseño de produto ou de moda que conseguen recoñecementos internacionais. A Fundación DIDAC acolle ata o vindeiro 16 de decembro na súa sede en Santiago de Compostela unha exposición que amosa os fitos do deseño para a innovación do país. Con ela a entidade pretende explicar "o modo en que o deseño se presenta como unha ferramenta transversal para potenciar e transformar a industria, desde a procura dunha eficaz concepción formal e de comunicación coa que construír unha identidade propia ata o desenvolvemento de fórmulas innovadoras capaces de forxar un impacto positivo na sociedade e no medio ambiente". De xeito paralelo, a entidade, en colaboración co Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza, da Axencia Galega de Innovación, presentaba ABC-DESEÑO, Dicionario do deseño e da innovación en Galicia. Esta obra recolle en preto de trescentas páxinas unha selección de 140 propostas históricas e actuais arredor deste traballo. Nomes propios como Verónica Moar, Díaz Pardo, Xosé Bar Boo ou Xosé Vizoso comparten espazo con marcas como Barreiros, Massó, Mondariz, Mobalco ou Noroeste Obradoiro entre moitas outras. En cada unha das entradas apúntanse fitos, a importancia histórica ou os recoñecementos de cada un dos casos sinalados.
Propostar que marcaron fitos
Segundo explica David Barro, director da Fundación DIDAC, asesor do Programa Diferenza e comsiario da mostra canda a Sara Donoso, as dúas iniciativas "buscan non só recoñecer o labor das persoas e empresas que están a contribuír significativamente ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño, senón tamén poñer en valor a potente simbiose entre deseño e innovación como panca de competitividade e crecemento, acompañando o presente con exemplos e casos de éxito do pasado a modo de contexto histórico". Ao longo do percorrido da exposición "atopamos deseños históricos, reflexións plásticas e visuais de deseño e sustentabilidade, exemplos de proxectos que atenden ao traballo artesanal como motor empresarial, materiais innovadores e sostibles, e modelos de empresas que están a apostar pola innovación co deseño como motor", lembra.
Completar os exemplos
Aínda que a selección non foi sinxela, de cara a paliar posibles faltas de pezas "que son tan merecedores como os que xa están de estar aí" lanzouse o Dicionario de deseño para a innovación, que se presenta, segundo Barro como "unha oportunidade para entender como Galicia ten todo a favor para ser un referente no campo do deseño para a innovación". Así para o comisario, "o talento dos deseñadores e deseñadoras, a experiencia das nosas empresas, os recursos e materiais naturais e sostibles e exemplos de casos de éxito". Primeira publicación das súas características, este dicionario está pensado para admitir unha actualización constante, "ir engadindo autores, empresas e proxectos que, aínda que serán impresas en diferentes etapas, poderán descargarse en todo momento na súa versión dixital, actualizando e ampliando o campo de acción a partir do acceso a novos mercados, tecnoloxías e oportunidades, co deseño e a innovación como bandeira". Como parte do carácter aberto do proxecto, a publicación convida a profesionais do deseño a enviar información e imaxes tanto sobre os seus traballos como sobre iniciativas que consideren merecentes de facer parte deste proxecto.
As pezas
O duplo proxecto naceu a raíz dun convenio de colaboración entre a Fundación e o Programa Diferenza, que pretende "proxectar a importancia que ten na creación de riqueza cultural e económica a conxugación da creatividade e da industria, do deseño e da innovación". Dentro das pezas que se poden ver en Compostela ata o vindeiro 16 de decembro "dominan os exemplos de deseño gráfico e deseño industrial, pero tamén hai algún exemplo de deseño máis conceptual, como é o caso do deseñador estratéxico Manuel Vázquez, ou artístico, como algunhas pezas de Manolo Paz ou Leiro". Segundo salienta Barro, o peso gráfico débese a que "unha das vías da renovación do deseño en Galicia foi a industria editorial. A publicidade gráfica e a identidade visual foron tamén uns dos piares que sustentaron a industria musical e a través do deseño de logotipos e marcas podemos entender o momento da entrada da democracia".
A evolución do deseño
A nivel histórico, a exposición abre con "pioneiros deseños no sector pesqueiro -Massó-, no turismo termal e a comercialización de augas -Mondariz- ou na industria farmacéutica -Zeltia", firmas coas que xorden "as grandes imaxes de marca e a identidade corporativa convértese nun elemento fundamental para calquera estratexia produtiva". Canda a este sector, "a confección téxtil en Galicia, primeiro cun gran número de costureiras que traballaban dende os seus domicilios con máquinas realizadas en Galicia -Refrey- e máis tarde coa aparición de importantes empresas cunha decidida estratexia de comunicación -Adolfo Domínguez-, sitúan a Galicia á cabeza dun mercado en expansión na década dos oitenta". A mostra non esquece o traballo de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, que "verán en Sargadelos unha das grandes frustracións de Galicia á vez que unha posibilidade de enorme potencial, atraéndolles o que fora o primeiro proxecto capaz de introducir no país sistemas industriais de produción en serie, incluído o deseño".
Elementos singulares
Canda a estes elementos o comisario apunta curiosidades como "unha antiga roda selectora de costuras de máquina de coser Refrey Transforma Automática, que acompaña a maquina e ten un deseño excepcional". Entre as propostas máis contemporáneas "pode verse o cesto elaborado por Idoia Cuesta con tanza de pesca e que foi o Premio Artesanía de Galicia 2021; ou unha tapa de sumidoiro creada por Cholita con 40 kg de lixo plástico". Canda a estas, están presentes no proxecto "pezas paradigmáticas como o disco Fonte do Araño de Emilio Cao, editado en 1977 por Zafiro e deseñado por Xosé Díaz, os traballos de Carmen Arias para a vaixela infantil de Sargadelos ou a ilustración de portada que realiza para o libro Mar Adiante de María Victoria Moreno de 1973 en Ediciós do Castro". Nese sentido Barro reivindica que "resulta moi importante recuperar nomes como os de Carmen Arias ou Xosé Vizoso, claves silenciosas que axudan a entender o deseño para a innovación en Galicia".
Reivindicar o patrimonio do deseño
Nunha disciplina que ten aínda pendente en grande medida o seu recoñecemento como patrimonio, compilar exemplos históricos non resulta sinxelo. Neste caso, Barro apunta que "as pezas históricas presentes na mostra pertencen todas aos fondos da Fundación DIDAC, que ten como un dos seus obxectivos crear unha colección de arte e deseño que axude a construír a historia de Galicia". Malia ao traballo pendente a nivel de recoñecemento e conservación das pezas deste tipo, o comisario considera que "levamos bastante vantaxe a outras rexións, en parte polo labor desempeñado por entusiastas do deseño como Pepe Barro, ou antes Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, ou agora por asociacións como a DAG, por institucións como a Fundación DIDAC, que ten organizado xa varias mostras de distintos tipos. Tamén hai moitos deseñadores e deseñadoras que se preocupan pola recuperación da memoria e a relevancia do deseño en Galicia". Nese mesmo sentido salienta que "esta mostra coincide no tempo coa exposición A Galicia Deseñada na sala Normal da Coruña, que incide no poder dos símbolos, as marcas e a identidade gráfica, unha feliz coincidencia que contribúe a coñecer mellor a nosa historia".
Galería da exposición Formas propias. Fonte: Fundación DIDAC / Axencia Galega de Innovación
Vista da exposición Formas propias con exemplos de empresas galegas que exemplifican as posibilidades de traballar cos recursos propios do territorio.
Traballos de Ojea Studio, Rulo para Inditex, Rosa Méndez e Noroeste Obradoiro; proxecto de Knitbrary + Verónica Moar, e pezas de Idoia Cuesta, Elías Cueto e Inés RIR.
Exemplos de deseños históricos de Mondariz, Massó, Zeltia, Refrey, Adolfo Domínguez e unha cadeira deseñada por Isaac Díaz Pardo.
Lámpada Bb de Lago: Monroy, producida por Sirvent.
Colgadoiro Kamoi de Tomás Alonso para Ikea e Colección Muy Monito de D-due.
Lámpada Pili de Arturo Álvarez producida por a Emotional light.
Exemplos de deseño como motor para o desenvolvemento, a innovación e a competitividade das empresas no sector da alimentación.
Pezas da Colección Castanea de Idoia Cuesta e mesa Knossos de Isaac Piñeiro.