As cicatrices na paisaxe protagonizan a VI edición do FFoco

O festival de fotografía celébrase na Coruña entre o 4 de novembro e o 11 de decembro

A coincidir co vinte aniversario do afundimento do Prestige, o festival fotográfico FFOCO centra a súa sexta edición nas cicatrices da paisaxe. O encontro, que se celebra na Fundación Seoane da Coruña entre os días 4 de novembro e 11 de decembro, amosará exposicións sobre o xeito no que a marea negra, os lumes ou as industrias extractivas marcan o noso país.

Entre os nomes que fan parte do programa expositivo do proxecto atópase o valenciano Julián Barón, que amosa as fotografías, o documental e o libro O desengano, no que as fotografías que tomou no momento da catástrofe do Prestige poden verse en tinta branca sobre papel negro. Canda a el, Catara Rego retrata en Zona de Sacrificio "aquelas áreas xeográficas nas que o aproveitamento da auga, a terra e o vento modificaron durante décadas o territorio, asumido pola autora como unha forma de identidade".

As canteiras de lousa, da man de Beatriz García, as areeiras onda a antiga lagoa de Antela, retratadas por Blas González, o traballo dos curros cabalares que amosa Tono Arias ou os lumes forestais no ollar de Rosa Veiga fan tamén parte do festival con cadansúa exposición. Con olladas ao íntimo e ao patrimonio fotográfico familiar, a galega Laure Mojo e o romanés Marius Scarlat achegan tamén mostras ao proxecto, ás que se suma unha antoloxía do traballo analóxico de Bernardo Villanueva F. O programa expositivo complétase con proxectos do venezolano Tito Caula e do colectivo El Grupo, e outra exhibición sobre a actividade do mercado coruñés de San Agustín da man de Cristina Caamaño e Andrea Gestal.

Canda ás mostras, o festival achega diferentes actividades paralelas, entre elas un debate sobre o poder dos medios de comunicación na súa relación coa imaxe, cunha proxección do filme Xeración Perdida, de Adra Pallón. Tamén se presentará o colectivo fotográfico multidisciplinar Ollo Photo, e para o 5 de novembro desenvolverase a feira editorial na que se poderán atopar traballos das principais editoras especializadas en fotografía.
Ligazóns