A Coruña acolle a oitava edición de FFoco

O festival de fotografía comeza a súa actividade este 31 de outubro na sede da Fundación Seoane

Dúas exposicións sobre os procesos de desindustrialización en Gales marcan o punto de partida da oitava xeira de FFoco. O Festival de Fotografía da Coruña abre este 31 de outubro na Fundación Seoane as exposicións A vida é marabillosa, sen ela estarías morto da galega Bandia Ribeira e mais TA-RA. Gales 2013-2022 do arxentino Sebastián Bruno.

A Fundación acolle tamén día 2 unha sesión de proxeccións e unha mesa de debate sobre turistificación e turismofobia a partir dos traballos de Arantxa Boyero, Manolo Espaliú, Cristina Arribas e Carmelo Vega, Néstor Lisón, Rubén Acosta e Elisa Gallego e coa participación dos arquitectos e urbanistas Iago Carro, Íñigo Sánchez e Elisa Gallego.

As proxeccións do evento na Filmoteca de Galicia, tamén o día 2, serán nesta xeira Petit mon amour, traballo de Amador Iravedra sobre o mundo da prostitución, Agarda un anaco, retrato dun grupo de amizades que realiza Mateo Villalustre, e os retratos de cidade que propón Pablo Luaces Usual Corners.

Nesta mesma localización e data celébrase a feira de fotolibros, no marco da que Ana Núñez Rodríguez presentará o seu traballo Entre as augas, galardoado co II Premio Editorial de Fotografía Documental Galega. Tamén se darán a coñecer os tres volumes de Pasaxeiro en tránsito, de Candelaria Magliano, Ventá a Fisterra que reúne catro décadas de traballo de José Caruncho, e mais Bóveda, a memoria non lugar, primeiro libro do coruñés Óscar Górriz.

Unha sesión de música electrónica a cargo do proxecto Robot City, que se acompañará da proxección de fotografías presentes no festival, fechará esta xeira do evento. A Asociación Recreativo Cultural Acolá encárgase da organización deste evento, que conta co apoio de Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Fundación Luis Seoane.