As axudas do programa O teu Xacobeo repartiron 1.438.000 euros

Apoian un total 117 propostas de promoción e dinamización por todo o país

Un total de 117 proxectos repartiron os 1.438.213 euros das subvencións O teu Xacobeo, que convocou a Axencia de turismo de Galicia para proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 21-22. O Diario Oficial de Galicia deste 18 de outubro recolle a resolución das dúas liñas desta convocatoria, unha destinada a persoas físicas ou xurídicas, que repartiu 473.853,55 euros, e outra para entidades sen ánimo de lucro, que contou con 964.359.

No caso da primeira das liñas, resultaron beneficiados 35 proxectos con contías máximas de 18.000 euros. Recibiron esta cantidade a proposta deportiva Pontevedra 4 Picos Bike 2022, o proxecto A gran obra dos camiños de Santiago. Camiño de Arlés de Hércules de Edicións, o Barbeira Season Fest e mais a Galicia Design Week. A iniciativa "Naufraxios na Costa da Morte", pola súa banda, conseguiu un pouco menos, 17.070 euros.

A segunda das categorías chegou a 81 propostas, con axudas máximas de 15.000 euros. Con esta contía apoiáronse proxectos como o documental sobre Elías Valiña promovido pola Asociación Galega de Cultura e Desenvolvemento Rural, o Xacobeo Musical polos Camiños da asociación Peregrinos Musicais, a primeira edición do Festival cinema a pedal que se celebrou en Nigrán, ou o IV Festival de Música antiga e barroca do Ateneo Barroco, entre outras propostas culturais.