A Ribeira Sacra acolle o seu primeiro festival de murais

O Máis que cor desenvólvese ata o vindeiro 21 de outubro

Máis que cor na Ribeira Sacra é o nome do primeiro festival de murais que acolle esta zona do noso país. Castro Caldelas centra ata o vindeiro 21 de outubro as actuacións desta proposta que desenvolve o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e que conta nesta primeira xeira coas propostas galegas de Doa, Yoseba MP, Novenoel e Cestola na Cachola, canda á barcelonesa Alda Fabre.

O programa nace coa intención de "achegar a arte urbana á poboación, concienciar sobre a importancia de combater o feísmo e embelecer os nosos pobos". O novo proxecto, que conta co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, dá continuidade á iniciativa Un toque de cor na Ribeira Sacra coa que se desenvolveron murais en diferentes localidades da comarca.

Ademais da propia elaboración das pezas ao vivo, que se poderán coñecer cunha visita guiada, o programa inclúe unha clase maxistral de pintura, impartida por Alba Fabre, un obradoiro de expresión artística centrado en Patróns e xeometría da natureza, a conferencia Os Murais de antes: temáticas e técnicas, impartida por Xoana Almar, e unha mesa de debate sobre a situación do muralismo en Galicia.