Nace a Federación de Asociacións e Entidades Cívicas da Ribeira Sacra

As 52 entidades reivindican participar da candidatura a Patrimonio da Humanidade

13/6/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: Medio Ambiente
Compartir:

Cartel da convocatoria á constitución da Federación.

Unha xuntanza en Castro Caldelas este 12 de xuño deu a luz a nova Federación de Asociacións e Entidades Cívicas da Ribeira Sacra. O novo colectivo, que reúne un total de 52 agrupacións desta área de carácter cultural e veciñal, canda á colaboración de varias comunidades de montes, bota a andar coa intención de conseguir un rural vivo, para o que reivindica servizos axeitados para esta zona e políticas de participación.

A Federación defende ademais a protección do patrimonio e da paisaxe local, para a que reclama "unha ordenación dos territorios da Ribeira Sacra coherente cos usos tradicionais" e "ao servizo das persoas que a habitan". Estas reivindicacións resúmense na "Declaración de Castro Caldelas" documento acordado na xuntanza deste día 12.

No mesmo encontro aprobáronse os estatutos do organismo e escolleuse a súa primeira xunta directiva, que fica presidida por Natalia Figueiras, e ten a Alfonso Campos como vicepresidente, como secretario a Lucas Vázquez e a Xurxo Martínez no papel de tesoureiro. Entre as primeiras reivindicacións da nova federación está solicitar o ingreso na mesa interdepartamental coa que a Xunta de Galicia xestiona a participación na candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade.

A Federación naceu logo de dúas xuntanzas previas na Pobra de Brollón e en Pantón, onde diferentes colectivos puxeron en común a súa visión sobre a situación do territorio e se amosou tanto o descontento compartido pola xestión da candidatura á UNESCO como o interese en traballar por mellorar a situación desta área.

Declaración de Castro Caldelas

Declaración de Castro Caldelas

Que che parece esta nova?
61 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ribeira Sacra, Asociacións, Patrimonio da Humanidade, Castro Caldelas...