A semente musical que xermina

A música galega celebra unha "verbena" para auto-celebrarse e entrega os seus premios

A música galega celebra unha
Foto de familia dos premiados na IX Gala dos Premios Martín Códax Foto
Coma unha festa patronal máis das moitas que hai no país daba inicio a gala de entrega do 9º Premios da Música Martín Codax, no pazo da Cultura de Pontevedra, paso procesional incluído previo á celebración da verbena coa música da Mekanika Rollíng Band dando a benvida e acompañando a noite. Así, cun recoñecemento á verbena e a súa importancia no noso país, escenificábase esta festa da música organizada desde a asociación Músicas ao Vivo (MAV) que celebraba onte o gran encontro da música galega. Ao longo das máis de dúas horas, desde un palco de festa instalado no escenario, foron coñecéndose as propostas gañadoras en todas as categorías que foron amosando o abrollar musical dunha xeración prometedora, chea de "diversidade, calidade e forza" nas súas expresións como sinalou a presidenta saínte Xiana Lastra, con grande presenza da música que usa do idioma propio galego e con respecto por aqueles que previamente foron sementando este panorama, como o caso dos homenaxeados Fuxan os Ventos, que acadaron a meirande ovación da noite acompañada do canto colectivo do seu himno: "Sementeira".

Proxectos musicais divididos en dezaseis categorías, tres premios Organistrum, un galardón honorífico a toda unha traxectoria e, como novidade, Artista do Ano e Artista Emerxente, dúas categorías extraordinarias, foron os que subiron ao palco da festa dos IX Martín Códaxfacendo que quedase patente, como . Os nomes dos proxectos premiados neste 2022 foron desvelados ao longo da gala: Airiños da Freba, Sheila Patricia, Banda Unión Musical de Meaño, Os d’Abaixo, Grande Amore, Xosé Miguélez 4tet, Familia Caamagno, Grima, Nastasia Zürcher, Sofía Espiñeira, Mamá Cabra, Rebeliom do Inframundo, América de Vigo, Néboa e Samudra Trío. Os Premios Organistrum recaeron, no apartado de Salas, na Arca da Noe, o de Festivais, no Festival de Ortigueira, e en Proxectos de Comunicación e Difusión Musical, no programa Descúbreas, da Deputación de Pontevedra. A gran ovación da noite, para Fuxan os Ventos que recollían o Premio Honorífico 2022. As novas categorías 2022 xa teñen nomes: Antía Muíño, Artista Emerxente, e Nastasia Zúrcher, Artista do Ano.

Sobre o escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra a actriz e guionista Carmen Conde, de Tarabela Creativa, asumiu a dirección artística da gala cun relato cheo de espectáculo sobre a historia e a relevancia das verbenas no noso país. O concepto e guión da gala foi un traballo man a man de Carmen Conde e o seu compañeiro en Tarabela Creativa, Diego Gallego, que contaron coa escenografía de Bieito Miranda. A partir das nove da noite comezaron a desvelarse os proxectos premiados nos Premios Martín Códax 2022: Airiños da Freba, na categoría Música Tradicional (ausentes na gala xa que estaban actuando nas festas de San Froilán en Lugo), Sheila Patricia, en Músicas do Mundo e Mestizaxe, a Banda Unión Musical de Meaño, en Bandas de Música Popular, e Os d’Abaixo, en Folk, foron dos primeiros da noite. Seguiron subindo ao escenario do Pazo da Cultura a polo seu galardón, Grande Amore, en Electrónica, Xosé Miguélez 4tet, en Jazz e Músicas Improvisdas, Familia Caamagno, en Rock, e Grima, na categoría de Metal. Nastasia Zürcher foi a artista premiada en Blues, Funk e Soul, Sofía Espiñeira, en Canción de Autor/a, Mamá Cabra, en Infantil e Rebeliom do Inframundo, en Músicas Urbanas. As últimas categorías que desvelaron premio na gala foron Orquestras, Grupos e Música de Verbena, para América de Vigo, Pop e Indie, para Néboa, e Música Clásica Contemporánea para Samudra Trío.
Os Premios Organistrum recuperaron nesta 9º edición o seu procedemento habitual tras a pandemia; os tres galardóns entraron tamén no proceso de inscrición xeral. No caso de Comunicación e Difusión, o proxecto premiado foi Descúbreas, o programa impulsado pola Deputación de Pontevedra para dar a coñecer ás mulleres profesionais do sector da música que entregou a presidenta da institución, Carmela Silva ás xestoras do mesmo; en Salas o galardón foi para o local de Vilar de Santos, A Arca da Noe, e na categoría de festivais, subiu a recoller o correspondente galardón o xa histórico Festival de Ortigueira.
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, foi a encargada de entregar o premio á Artista do Ano á cantante e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher. Esta nova categoría establecida este ano estivo aberta á votación do público co obxectivo de "incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais". Na outra categoría nova, Artista Emerxente, neste caso seleccionada polo xurado dos premios, o premio recaeu na cantante galega residente no País Vasco, Antía Muíño.

Nova directiva de Músicas ao Vivo e críticas ao Xacobeo
Esta novena gala dos Premios Martín Códax supuxo tamén a despedida da directiva saínte de Músicas ao Vivo e a presentación da nova que se fará cargo da xestión da entidade nos vindeiros anos. Xiana Lastra, presidenta saínte, presentou sobre o escenario ás persoas que toman as rendas de Músicas ao Vivo: Sheila Patricia, Xavier Castro, Patty Castro, Tomás Díez, Silvia Penide e Pablo Lesuit. No seu discurso, Lastra, congratulouse do espírito optimista da gala na que "despois de dous anos podemos mirarnos de novo as caras, sorrirnos, darnos unha aperta e socializar, que tamén é un dos obxectivos fundamentais dos premios".

A presidenta saínte tamén se referiu á resistencia e loita da profesión para mellorar as súas condicións cunha parte do discurso moi crítica do efecto do programa Xacobeo 2021-2022 e cos tendencias dos festivais. O xacobeo, dixo Adriana Lastra no seu discurso institucional, " foi tan produtivo económicamente como empobrecedor do discurso cultural do país" e argumentouno no destino final do investimento público nos eventos: "Foi un ano onde a produción de concertos e espectáculos ao vivo acadou cifras históricas en Galicia mais de toda esa inversión pública e a programación descontrolada deste verán financiada por todas as galegas e galegos só unha ínfima parte recaeu nos proxectos feitos aquí, na nosa terra", unha frase moi ovacionada desde o público asistente, que conforma o sector da música galega. Ademais disto a presidenta saínte fixo un chamamento a un cambio de rumbo dentro das crecentes propostas do sector dos festivais musicais. Sinalou a existencia dunha burbulla na "festivalización da nosa cultura", advertindo segundo a visión de MAV dunha "concentración da produción e da oferta artística de masas, que reduce aínda máis esa escasa contratación galega". Desde a asociación de músicos esixen unha reflexión e unha corrección por parte das administracións públicas e dos promotores destes espectáculos, "pois moitos dos festivais deste país non sairían adiante sen o apoio económico das institucións" "un apoio. Sinalou Lastra- que debería estar condicionado a cumprir cuns baremos fixo e estables coa nosa cultura e cos nosos artistas". Antes de deixar as súas responsabilidades a directiva saínte quixo dar un premio honorífico de sorpresa para o xerente da asociación, Manuel Alonso, recoñecendo a importancia do seu traballo.

Honorífico 2022: Medio século de Fuxan os Ventos
O primeiro encargo que cumpriu a nova directiva foi o de entregar o Premio Honorífico 2022. A ovación da noite foi, como era de agardar, para Fuxan os Ventos, que recolleron das mans de Xoan Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax. Tras un vídeo introdutorio cos propios membros do grupo contando parte da súa historia. desde Músicas ao Vivo destacaron na laudatio que Fuxan os Ventos "non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural". O seu maior éxito discográfico foi "Sementeira", publicado en 1979; son anos de centos de actuacións, chegando a Cataluña, País Vasco, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest, e mesmo participando en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient en 1978 e 1979. Na laudatio de Músicas ao Vivo, destacouse que Fuxan os Ventos como "un proxecto baseado na lingua propia, no folclore, na liberdade e denuncia do inxusto, así como na vontade da unión do pobo e das súas xentes". Así mesmo lembraron desde a entidade que "eles, elas espertaron consciencias cosas súas mensaxes e melodías, cantadas por toda a nosa xeografía, chegando non só a intelectualidade galega vencellada a canción protesta e os cantautores, senón tamén a Galicia de orixe rural, o pobo, nós".

Durante a recollida do premio por parte de catro dos integrantes orixinais da formación, a vocalista Tereixa Novo sinalou emocionada a pervivencia do seu legado ante a diferencia de idade co público presente respecto ao momento no que eles iniciaron a súa actividade no ano 72, "Vós dádevos conta de que a inmensa maioría dos que estades aquí non nacerades?, pero sen embargo algo tedes que ver con nós, porque iniciamos un camiño importante no seu momento". En nome da formación Novo quixo facer unha dedicatoria especial nos seus agradecementos: "nós queremos dedicar este premio en primeiro lugar a todos eses homes e sobre todo mulleres que no ámbito rural gardaron, mimaron ,contaron, cantaron e transmitiron todo ese inxente patrimonio cultural inmaterial que é a música tradicional", dixo Tereixa Novo, que tamén fixo outra dedicatoria a todos os membros pasados polo grupo "ata trinta persoas" e a unha persoa fundamental nos inicios que foi o padre Xesús Mato. O grupo levantou o público para cantar ao unísono o seu tema que é un himno: 'Sementar Sementarei'. A gala rematou cos xermolos desta tempada recollidos e coas sementes do ano próximo xa xerminando.



RELACIÓN DE PROXECTOS PREMIADOS 9º PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA


CATEGORÍAS MUSICAIS

Música Tradicional: Airiños da Freba

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Sheila Patricia

Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño

Folk: Os d’Abaixo

Electrónica: Grande Amore

Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Miguélez 4tet

Rock: Familia Caamagno

Metal: Grima

Blues, funk e soul: Nastasia Zürcher

Canción de autora/or: Sofía Espiñeira

Infantil: Mamá Cabra

Músicas Urbanas: Rebeliom do Inframundo

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo

Pop e Indie: Néboa

Música Clásica e Contemporánea: Samudra Trío


PREMIOS ORGANISTRUM 2022

Salas: A Arca da Noe

Festivais: Festival de Ortigueira

Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: Descúbreas


Artista Emerxente: Antía Muíño

Artista do Ano: Nastasia Zúrcher

Premio Honorífico 2022: Fuxan os Ventos