O mellor da música galega do ano en 51 nomes

Os Premios Martín Códax da Música xa teñen finalistas da súa oitava edición

Os Premios Martín Códax da Música xa teñen finalistas da súa oitava edición
Posado dos finalistas da 8ª edición
As Bodegas Martín Códax, en Cambados, foron o escenario este mércores 6 de outubro do encontro de finalistas dos 8º Premios Martín Códax da Música, organizados por Músicas ao Vivo. No acto déronse a coñecer os nomes das 51 bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final desta edición 2021 e dos proxectos finalistas na categoría de Comunicación e Difusión Musical. O domingo 3 de outubro finalizaban as votacións do xurado dos Premios, a partires de agora, do 11 ao 24 de outubro serán as socias e socios de Músicas ao Vivo, as que voten entre os proxectos finalistas, e o 27 de outubro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, celebrarase a gala de entrega.

Como cada ano, tanto os proxectos presentados nas 17 categorías como a propia lista de finalistas deixan ver unha radiografía da música en Galicia e do seu estado de saúde, creatividade e competitividade. Tamén foron anunciados os finalistas na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: o programa de radio O Recanto do Corcovado (Radio Crónica Folk Musical, Radio Municipal de Redondela e CUAC FM), o colectivo Galeguiza-t e a exposición Cantámola en galego, do concello de Pontevedra. "Foron máis de catrocentos os proxectos inscritos nesta oitava edición, algo digno de mención polo difícil momento que o sector viviu e está a vivir nos últimos tempos. Isto demostra a fortaleza e teimosía do noso gremio, malia os paus nas rodas que se nos están a poñer", explicou a presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra na súa intervención cun efusivo agradecemento ás Bodegas Martín Códax e aos patrocinadores institucionais ás bandas inscritas e ao xurado. Este estivo formado pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista musical Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a cantante, pianista e percusionista Diana Tarín.

Proxectos finalistas
A banda da Loba, Belém Tajes e Espiño son os tres finalistas na categoría de Pop Indie; en Rock, Loiros, Soulwide e Moon Cresta, e en Blues, Funk e Soul, Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío e Enxeito. O Metal tamén ten categoría nos Martín Códax da Música con tres finalistas: N.E.O, Doen e Nuada. MJ Pérez, Gustavo Almeida e Tomás Porteiro chegan á recta final en Canción de Autor/a, e Wöyza, Ilmarto e Marcos de la Fuente en Músicas Urbanas. A categoría de Reggae, Ska e Mestizaxe ten como finalistas a Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band e The Skarnivals; en Eléctronica son Cora Novoa, Allova e Xackal as aspirantes ao premio nesta edición; en Clásica e Contemporánea, Mateo Arnáiz, Alberto Vilas e Fernando Abreu, e en Jazz e Músicas Improvisadas, Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet e María Toro.

A Música Tradicional queda representada con tres finalistas; Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Carapaus e Pelepau. O Folk, con Caamaño & Ameixeiras, Fiandola e Joel Padín, e as Músicas do Mundo con Enclave,DOUS e Lamas/ De Miguel/ Romero. A música dirixida ao público cativo e familiar ten categoría propia nos Premios Martín Códax da Música e en 2021 son Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk) e Radio BULEBULE (Paco Nogueiras) os seleccionados para a última fase dos premios. Os tres finalistas na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena son Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos e Bafana Bafana; no caso dos Coros e Grupos Locais, Coro da Ra, Sisters In The House e Encaixe, e as Bandas de Música Popular están representadas na final coa Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada e Banda de Música de Antas de Ulla.