Os Premios Martín Códax van pola sétima edición como escaparate de variedade musical galega

Este ano presentan novidades no procedemento de votacións e nas categorías

Este ano presentan novidades no procedemento de votacións e nas categorías
Cunha festa onde non faltou a música puxéronse en marcha onte oficialmente os Premios Martín Códax da Música na que xa vai ser a súa sétima edición. Estes galardóns anuais promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo teñen como obxectivo dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego. Para a presentación oficial acudiron á Sala Sónar de Santiago moitos membros da tribo musical do país e representantes da asociación MAV así como de todas as institucións e empresas que dan o seu apoio a esta iniciativa: Xabier Mera e Xiana Lastra como presidenta de Músicas Ao Vivo, María Garrido como Directora de Marketing de Bodegas Martín Códax, Carmen Fouces, Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Jacobo Sutil como Director da AGADIC e Victoria Alonso en representación da Deputación de Pontevedra. Brais Morán acompañado do seu grupo puxo o punto musical ao acto. Como cada ano, a convocatoria inclúe novidades coas que a asociación organizadora quere ir respondendo á realidade da escena musical e axustando os procesos para acadar mellores resultados. Algunhas destas novidades se presentaron onte.

A convocatoria de inscrición de proxectos musicais abrirase o vindeiro 1 de marzo e estará dispoñible ata o 15 do mesmo mes a través da páxina web dos premios. Como nas anteriores edicións a participación está dirixida a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2020, formen parte ou non da asociación MAV. Como novidade este ano as categorías folk e tradicional volven desdobrarse en dúas, como era habitual nos premios previamente ao ano 2018, e aparece unha nova categoría de Bandas de música popular, coa que desde MAV queren poñer en valor e facer visibles a estas agrupacións que en moitos casos son o berce formativo de moitos dos músicos que logo seguen na escena musical e fan parte de outros proxectos de todos os xéneros. Ademais das 17 categorías musicais, haberá os 3 Premios Organistrum (Sala, Festival e Proxecto de Comunicación e difusión) e o Premio Honorífico Músicas Ao Vivo, como xa se viña a facer anteriormente. Outra das novidades importantes este ano virá no propio proceso de votacións, do que se dará volta ás fases respecto a anteriores convocatorias. Nesta sétima edición a primeira selección de entre todos os proxectos que se presenten a farán os membros dun xurado profesional para, despois da súa selección, pasar a unha fase de votación aberta en xeral a membros da asociación MAV para decidir os proxectos a premiar de entre aqueles seleccionados polos xurados. As bases de participación xa están dispoñibles no sitio web do premios. A composición dos xurados, así como o nome da persoa gañadora do Premio Honorífico darase a coñecer en seguintes datas.