A VIª edición dos Premios Martín Códax da Música nace con ambición de visibilidade

Unha nova web servirá de catálogo en liña da abondosa oferta musical do país

Unha nova web servirá de catálogo en liña da abondosa oferta musical do país
Presentación na Sala Riquela dos Premios Martín Códax da Música de Galicia Foto: S. Montes
A VIª edición dos Premios Martín Códax da Música deu hoxe o pistoletazo de saída presumindo de estabilidade e coa estrea na organización dunha nova directiva da asociación Músicas ao Vivo (MAV) presentada na gala do pasado ano. Hoxe tivo lugar un acto de presentación na Sala Riquela de Santiago no que tomaron parte María Garrido, directora de Marketing de Bodegas Martín Códax; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Carme Fouces, responsable de Cultura do Concello de Pontevedra; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; xunto con Xabier Mera, voceiro de MAV. Mañá abrirase o prazo para as inscricións de proxectos como candidatos nas 15 categorías musicais e as tres Organistrum para o cal se habilitou un novo sitio web do evento que recibirá propostas ata o vindeiro 17 de marzo . Esta nova plataforma dixital é unha das principais novidades desta edición xa que facilita a inclusión de candidaturas e ademais servirá de catálogo virtual da música galega como contedor de todas as propostas que foron candidatas nas pasadas e vindeiras edicións do premio. Con esta nova ferramenta búscase incidir nun dos puntos chave deste premios, como coincidiron hoxe todos os presentes no acto, que é o de facer visible a variedade, cantidade e calidade da creación musical de Galicia e da potencia musical do país.

O voceiro de MAV explicou que tras ter dado a coñecer máis de 2.000 propostas musicais nestes cinco anos "o certame continúa construíndo pontes para tratar de unir a todas as familias musicais galegas", aspecto no que tamén incidiu María Garrido, de Martín Códax, que adxectivou como "perfecto" a este proxecto entre outras cousas polo espírito de cooperativa que ten MAV ao xuntar aos pequenos nun proxecto grande, ao xeito das adegas que forman parte de Martín Códax. Na primeira rolda desta sexta edición dos premios votarán, coma sempre os membros da asociación escollendo os 3 finalistas máis votados por cada categoría. A continuación, un xurado decidirá os proxectos premiados. O único que non decidirá este xurado será o Premio Honorífico, que escolle a asemblea de MAV e que se anunciará a finais de marzo. Os proxectos finalistas coñeceranse o mércores 24 de abril durante a Festa de Nomeados nas Bodegas Martín Códax e os premiados durante a gala que se celebrará un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra o 8 de maio baixo a dirección do dramaturgo Quico Cadaval e coa participación do dúo Aldaolado. A cobertura desta gala por parte dos medios públicos galegos está aínda por determinar.

Censos locais para elaborar o mapa da escena musical
Este ano, no proceso de inscrición dos Premios, os proxectos musicais terán a posibilidade de darse de alta tamén nalgún dos dous primeiros censos musicais MAV: o censo CÉM! Compostela É Música, e o censo AÉM! A Coruña É Música. Poderanse inscribir nun ou noutro censo, á vez que nos Premios, todos aqueles proxectos musicais que teñan a súa base profesional ou ben na área de Compostela e comarca, ou ben na área de A Coruña e comarca. Estes censos, abertos e actualizados, pretenden “mapear” toda a escena musical de cada unha destas dúas cidades e da súa contorna. Está aberto a todos os xéneros, ten validez anual renovable e serán as persoas integrantes as que rexistren os seus proxectos e iniciativas musicais desde a mesma plataforma de inscrición dos Premios.