O Centro Coreográfico achega 54.000 euros a tres coproducións

Kirenia Martínez, Janet Novás e Paula Quintas conseguiron o apoio desta convocatoria

Kirenia Martínez, Janet Novás e Paula Quintas conseguiron o apoio desta convocatoria
Presentación das coproducións do Centro Coreográfico en 2022. Fonte: Agadic.
A Axencia Galega das Industrias Culturais publicou este 30 de setembro a resolución da súa convocatoria para a contratación en réxime de coprodución de tres espectáculos de danza. Esta liña que depende do Centro Coreográfico Galego reparte 54.000 euros entre tres propostas escénicas. Paula Quintas, con O salón dos pasos perdidos recibirá 18.000 , mentres Proto, de Janet Novás, e Afectos, de Kirenia Danza, acadaron 17.998,65 e 17.998,44 euros, respectivamente.

Segundo explica a Agadic na presentación desta resolución, Afectos pon "o foco nos cambios provocados pola pandemia en canto aos desprazamentos masivos de persoas, despois de que na primeira entrega, titulada E-migrantas, abordase o fenómeno nun contexto no que o mundo se formulaba un cambio de paradigma, e na segunda, Primeiro a vida!, analizara unha nova realidade no ecuador da crise sanitaria".
 
Proto, pola súa banda, "pretende erguer os materiais que lle xurdiron na peza Imaginé cinco cuerpos y ninguno era mío e poñelos en diálogo con ese desexo de contemplación que agromou no seu último solo escénico, Where is Janet?".
 
Finalmente en O salón dos pasos perdidos "confluirán os impulsos creativos de diferentes profesionais e colectivos destacados da nosa danza". Canda a Paula Quintas o Colectivo Glovo e Galicia Danza Contemporánea participan dunha montaxe que "xunta catro camiñantes impulsadas polo sentido purificador que se atopan na peregrinación común da vida. A reflexión sobre o tempo, o espazo e mais o territorio na construción dunha memoria conxunta son algunhas das claves da peza".