O Centro Coreográfico coproducirá espectáculos de Andrea Quintana, Javier Martín e Kirenia Martínez

As tres montaxes reparten 51.340 euros de axudas nesta convocatoria

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) daba a coñecer este 4 de decembro os nomes das tres montaxes de danza que o Centro Coreográfico Galego coproducirá este ano. Segundo o ditame da comisión de valoración correspondente, serán as obras Festina Lente, presentada por Andrea Quintana como espectáculo de debut do colectivo Vacaburra, Tres tristes 2.0, da compañía Kirenia Danza, e mais Umbral, de Javier Martín, as propostas escolleitas. Os dous primeiros títulos recibirán cadanseus 18.000 euros a cargo da sección de danza da Agadic, mentres que o terceiro contará con 15.340. Para alén do apoio económico, as formacións contarán coas instalacións do Centro Coreográfico Galego na Coruña para os ensaios previos ás estreas, previstas para se desenvolver entre a primavera e o outono de 2021.

Segundo explica a Axencia na presentación das propostas, Festina Lente pretende "propiciar unha reflexión acerca do momento presente a través dunha visión crítica sobre os contextos actuais de desconexión e os factores que inflúen na construción da sociedade", mentres Tres tristes 2.0 recupera, vinte anos despois, a peza contemporánea Tres Tristes Tres do coreógrafo e bailarín Miguel Azcue. A reunión deste artista con Kirenia Martínez Acosta serve de base para unha montaxe biográfica e documental que recolle extractos de seis coreografías xa existentes e pretende retratar o espírito dunha época.

Finalmente, no caso de Umbral, o Javier Martín "inspírase nalgunhas das figuras espectrais do acervo cultural galego, desde a Santa Compaña ata as múltiples personaxes do Entroido, para abordar a través da danza contemporánea reflexións que subxacen na nosa cultura máis ancestral".