Agadic coproducirá os novos espectáculos das compañías Artestudio, Marta Alonso e Kirenia Martínez

A Xunta achegará máis de 50.000 euros a estas montaxes de danza

A Consellería de Cultura e Turismo coproducirá os novos espectáculos de danza Medula de Artestudio, Bailar ahora de Marta Alonso e E-migrantas de Kirenia Martínez. Estes tres proxectos son os beneficiarios da convocatoria publicada en xuño pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co obxectivo de seleccionar os títulos do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego para a temporada 2019-2020. Segundo a adxudicación publicada na web da Agadic, a Xunta achegará máis de 50.000 euros a estas montaxes, a través da sinatura de tres contratos en réxime de coprodución polas seguintes contías: 18.000 euros a Artestudio Xestión Cultural, outros 18.000 a Marta Alonso Tejada e 14.392 a Kirenia Celia Martínez Acosta para as súas respectivas propostas. Ademais deste apoio económico, contarán coas instalacións do Centro Coreográfico Galego na Coruña para a súa realización. Os tres espectáculos seleccionados sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter tamén como común denominador o protagonismo feminino tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas.