A Fundación Manuel Facal levará a arte contemporánea a Carballo

O propio pintor preside a entidade que prevé abrir as súas portas na vindeira primavera

O propio pintor preside a entidade que prevé abrir as súas portas na vindeira primavera
Facal a traballar nunha das súas obras. Fonte: Fundación Manuel Facal
Un edificio modernista na Rúa Sol, en Carballo, converterase na sede da Fundación Manuel Facal, que se constituíu o pasado once de agosto. O proxecto nace coa intención de abordar a conservación, promoción e difusión da obra do artista carballés que lle dá nome, así como da arte contemporánea en xeral.

A entidade quere desenvolver na súa sede un museo que recolla de xeito permanente unha selección dos traballos deste creador recoñecido internacionalmente, canda a exposicións temporais e outras actividades. A fundación ademais abordará "a edición de publicacións, exposicións, congresos e ciclos de conferencias sobre arte contemporánea".

O proxecto, que agarda abrir as súas portas de cara á primavera ou verán de 2023, recupera para a súa localidade natal a obra deste artista, que ten realizado exposicións en Nova York, Londres, Porto Rico, Noruega ou Sudamérica ademais de contar con obras en museos destacados de Centro e Sudamérica, Estados Unidos, España, Países Escandinavos e Portugal.