Unha xornada en Allariz analiza a pegada das viaxes da Xeración Nós

O Consello da Cultura organiza Os camiños de Nós polo mundo este 17 de setembro

16/9/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: historialiteratura
43 lecturas | Compartido 0 veces

Os camiños de Nós polo mundo é o título da xornada que o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Vicente Risco, celebra este sábado 17 de setembro en Allariz. O encontro pretende reflexionar, a partir da experiencia dos membros da Xeración Nós "sobre a importancia das viaxes da intelectualidade galega como forma de intercambio de coñecemento e de interaccionar coas culturas do mundo en pé de igualdade, como un exemplo de futuro, de estímulo para a procura de todos os camiños que aínda fican por percorrer", segundo explica a presentación da actividade.
As viaxes, reais e literarias, que desenvolveron nomes como Florentino López Cuevillas, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Jesús Bal y Gay ou Vicente Risco "serviron para situar a cultura galega en pé de igualdade con outras culturas", segundo destaca a presentación do Consello da Cultura sobre o evento.

Ramón Villares abrirá o programa coa palestra "As viaxes de estudos previas a 1936: diálogo entre disciplinas científicas", seguido por Ricardo Gurriarán coa súa intervención sobre "O contributo modernizador da JAE e (de) Cadarso no ámbito científicoexperimental, mediante as viaxes ao estranxeiro na universidade galega (1900-1936)". A experiencia internacional de Bal y Gay protagoniza o relatorio de Samuel Diz, mentres Iria-Friné Rivera Vázquez abordará a viaxe de Vicente Risco a París e Viena en 1930.

Xa durante a tarde, os percursos de Florentino López-Cuevillas protagonizarán un diálogo entre José María Eguileta Franco e Afonso Vázquez-Monxardín, e Ángeles Tilve Jar repasará os de Castelao por Europa. Pechará os relatorios Patricia Arias Chachero a falar de Ramón Otero Pedrayo en América. Tanto a sesión de mañá como a de tarde fecharán con cadanseu coloquio entre o público asistente.

Universo culturagalega.gal

06/03/2013

Camiños de protección

A consideración dos camiños históricos como patrimonio cultural ten aínda un longo camiño por percorrer no noso país

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego