As residencias artísticas achegan a creación contemporánea ao Pazo de Tor

O proxecto [Da] Terra Semente, [Dá] Semente Terra presenta sábado 13 os seus resultados

A Rede Museística da Deputación de Lugo ten en marcha desde o pasado 3 de agosto as residencias artísticas [Da] Terra Semente, [Dá] Semente Terra. Nas mesmas, catro creadoras contemporáneas desenvolven, desde diferentes disciplinas, un diálogo artístico coas comunidades locais próximas ao Pazo de Tor, en Monforte. Carla Andrade desde o audiovisual, Eva Antelo na creación interdisciplinar, a fotografía de Tamara Wassaf e as performances de María Roja atópanse nesta iniciativa.

Este 9 de agosto a iniciativa celebra unha xornada de portas abertas que permite ás persoas interesadas coñecer os procesos creativos que se están a desenvolver no proxecto. O vindeiro sábado 13 presentaranse os resultados desta convivencia coa posta en común de resultados, reflexións e experiencias.

Segundo explica a presentación do proxecto, Carla Andrade "desenvolve un proxecto relacionado coa paisaxe e a identidade do territorio e contorna do Pazo de Tor en relación á comunidade que o constrúe". María Roja pola súa parte, artella "un proxecto artístico coa colaboración da comunidade da súa aldea materna, coa intención de facer fincapé na problemática do despoboamento do rural lucense".

Eva Antelo "está a construír un mapa topográfico en base aos relatos da comunidade que leva por título Xeografía falada para perpetuar memoria e vivencias. As persoas que constrúen e dan identidade ao territorio e viceversa". Finalmente Tamara Wassaf "indaga na relación simbólica dos obxectos co espazo natural, co corpo e coa identidade. Con atención especial ás identidades veladas dentro da historia do propio pazo".