En total once longametraxes, unha serie documental e dúas curtametraxes recibirán o apoio da Agadic nesta liña. Destas, oito propostas contarán con cadanseus 255.577 euros para se desenvolver. +Cuñados secuela da primeira película cinematográfica da produtora Portocabo, Tralovento de Eloy Domínguez, Monstro do realizador Andrés Goteira, San Simón, a coprodución con Portugal Onte á noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorín, Para ver o mar, Así chegou a noite de Ángel Santos e Xustiza Artificial de Simón Casal de Miguel son as que conseguen esta cantidade.
Ségueas na adxudicación As liñas discontinuas, segunda longa da directora Anxos Fazáns, con 245.747 euros. Con menores cantidades atópanse a serie documental Una historia de crímentes de Ficción Producións, con 78.639 euros e Recordos. Saúdos. Apertas, película documental que asinará Xacio Baño e que leva 52.357. As estacións, coprodución internacional con participación minoritaria galega consegue 49.149 euros e as curtametraxes Véxote (e non me entero) de Noemí Chantada e O son das abellas, de Fon Cortizo que reciben cada unha 14.744.
Segundo apunta a Agadic na presentación das axudas, "trátase de propostas moi diversas en canto a temáticas e xéneros, que na meirande parte dos casos se rodarán en versión orixinal galega" e que na súa maioría recibiran xa axudas da Xunta "desde a súa fase de preprodución como adxudicatarias en anos anteriores das convocatorias para escrita de guión e/ou para desenvolvemento de proxectos".