Ata 19 proxectos de guión, webseries, curtas e longametraxes recibirán as axudas ao talento audiovisual

Apoiaranse as escritas de guión de futuros traballos de Claudia Brenlla, Fon Cortizo, Álvaro Fernández Fernández, Lorena Iglesias Lista, Lois Patiño e Alberto Vázquez

Ademais da convocatoria de subencións á `preprodución a actividade da Xunta no respecto ao audiovisual segue a ser vertixinosa esta semana e acaba de adxudicar as subvencións á creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento galego, a través das que distribúe 194.000 euros entre os 19 proxectos seleccionados na convocatoria de 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsa, así, a realización de seis guións para longametraxes, dúas webseries, tres longametraxes e oito curtas.

A resolución, que xa se pode consultar na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, indica que 30.000 euros se destinan á modalidade A, centrada en promover proxectos de escrita de guión. 'A mesma linguaxe (a illa de antes)', de Claudia Brenlla; Abellón, de Fon Cortizo; 'Juan Sen Terra', de Álvaro Fernández Fernández; Feismo, de Lorena Iglesias Lista; 'Panta rhei', de Lois Patiño, e Decorado, de Alberto Vázquez foron os proxectos mellor puntuados no apartado de escrita de guión, polo que recibirán unha subvención de 5.000 euros en cada caso. Pola súa banda, cada unha das propostas subvencionadas na categoría destinada ás longametraxes - 'Pausa na présa', de Alejandra Aguirre Ordóñez; 'Da túa man para a miña', de Miramemira, e 'Deuses de pedra', de Ángel Santos- recibirán 30.000 euros para impulsar a súa realización, mentres que 'Pulp air', de Henfunk, e Nómades, de Mala Herba Producións, son as dúas webseries elixidas no seu ámbito. Cada unha delas recibe unha axuda de 15.000 euros.


O apoio no caso das curtametraxes divídese en dúas submodalidades. A primeira destínase a fitas en galego xa rodadas e que realicen os traballos de posprodución na Comunidade. Nesas circunstancias atópanse as producións 'O íntimo (de vivir unha corentena)', de Indígena Films, e Compañeiros, de Kraken Films, que se reparten 8.000 euros. O segundo subapartado distribúe 30.000 euros entre seis curtametraxes de futuro desenvolvemento: 'O coidado', de Miguel Canalejo; 'Un novo día', de Gonzalo Javier Caride Baquero; 'O monstro e a nena', de Jorge Juan Costas Mira; Curmán, de Alejandro Jato; 'Recordar con elas', de Carmen Méndez Lamas, e Parafuso, de Rocío Torres Pumeda.