O Concello da Coruña publica a novela gráfica 'María Casares. En tres actos'

Con guión de Manuel López e ilustracións de Inés Vázquez, Rubén Rial e Dani Xove fai un percorrido pola vida da actriz coruñesa

28/7/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: Banda DeseñadaPolíticas CulturaisCentenario María Casares
43 lecturas | Compartido 0 veces

'María Casares en tres actos' imaxe de capa de Camille Benyamina

O Concello da Coruña ven de presentar a novela gráfica "María Casares. En tres actos", editada e publicada consistorio no marco do Ano Internacional María Casares 2022. A edición, dirixida por Manel Cráneo, recolle o traballo do escritor Manuel López (Sarria, 1958) e dos debuxantes Inés Vázquez (Carral, 1993), Rubén Rial (Vimianzo, 1991) e Daniel Xove (Santiago de Compostela, 1988). "María Casares. En tres actos" recolle a vida da actriz en tres etapas facendo un paralelismo entre a súa traxectoria vital e o teatro. Cada capítulo foi debuxado por un artista diferente, de xeito que a imaxe tamén se vai modificando conforme avanza no tempo, cos textos de Manuel López como fío condutor. A portada, deseñada pola debuxante francesa Camille Benyamina, mostra a María Casares entre a Torre de Hércules e a Torre Eiffel, ambos monumentos emblemáticos das dúas cidades que simbolizan a conexión entre a orixe e o final da vida da actriz. Unha mostra das viñetas estará exposta na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga ata o vindeiro 6 de novembro co obxectivo de dar a coñecer a vida de María Casares a través da banda deseñada. "Unha forma de literatura moitas veces esquecida ou relegada, coa que podemos chegar a un público máis novo e transmitírmoslle valores tan importantes como os que representa María Casares" destacou a alcaldesa na presentación da publicación.

Universo culturagalega.gal