A Coruña celebrará no 2022 o centenario de María Casares

O Concello ofrecerá un programa de alcance internacional para lembrar á actriz

O Concello ofrecerá un programa de alcance internacional para lembrar á actriz
A alcaldesa da Coruña presentando o programa Foto: Concello da Coruña
O Concello da Coruña impulsará no 2022, centenario do nacemento da actriz María Casares, unha gran cantidade de actividades, tanto de creación propia como colaboracións vencelladas con Francia, país onde ela viviu e desenvolveu a súa traxectoria artística. A programación do Ano Internacional María Casares estará comisariada por María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, ensaísta e tradutora e especialista na figura de María Casares. Esta iniciativa xorde coa intención de identificar a María Casares coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como muller independente e amosar a cultura como un ben común. A Xunta de Galicia tamén anunciou en setembro pasado a súa intención de levara a cabo homenaxes neste centenario da actriz.

María Casares, filla de Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de goberno da República Española con Manuel Azaña, tivo que exiliarse a Londres e logo París coa súa familia tras o Golpe de Estado fascista de 1936. Na capital gala comezou a súa traxectoria profesional no teatro en 1941. Alí triunfou como actriz de teatro e cinema. Protagonizou varias obras escritas por Albert Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, chegando a converterse en musa do existencialismo francés. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social. Entre os actos que se celebrarán e dos que xa se pode saber algo, destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición no Quiosco Alfonso, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental ou un encontro internacional. Tal e como apuntaron na presentación desta Acción a alcaldesa Inés Rey e o coordinador do programa, Xosé Aldea, aínda quedan moitos actos por anunciar en próximas datas. O cartel é obra do ilustrador polaco Wozniak, realizado en 2014 para o blog de Ramón Chao.