A Coruña recibe unha doazón de 282 obxectos da familia de María Casares

Entre os materiais hai documentos da actriz e tamén do seu pai Santiago Casares Quiroga

Entre os materiais hai documentos da actriz e tamén do seu pai Santiago Casares Quiroga
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto a Michel Casares e á súa muller Danielle Chantal Casares
O Concello da Coruña recibiu este mércores centos de obxectos pertencentes a María Casares. A familia da actriz decidiu doar á cidade unha importante cantidade de artigos, que conteñen desde libros a fotografías, con motivo do Ano Internacional María Casares. A alcaldesa Inés Rey recibiu a Michel Casares, descendente de María Casares, e á súa muller Danielle Chantal Casares, no palacio de María Pita para formalizar a entrega ao Concello destes 282 documentos de valor histórico. Moitos deles pertencían a Santiago Casares Quiroga, que os levou consigo a Francia cando marchou exiliado en 1936. A Casa Museo Casares Quiroga exporá estes documentos en canto sexan catalogados polos servizos municipais.

Segundo o Concello a colección doada é moi variada e de grande importancia para a Casa Museo Casares Quiroga, que pasará a ter materiais orixinais da familia á que da nome. Entre os documentos entregados ao Concello hai libros recuperados da biblioteca persoal de Santiago Casares Quiroga, fotografías da familia durante diferentes etapas, revistas con noticias sobre María Casares, entradas e programas teatrais, cartas, manuscritos ou diferentes publicacións sobre a República. Algún estarán presentes tamén na exposición 'María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada', que será inaugurada pola alcaldesa este xoves no Quiosco Alfonso. O Ano Internacional Maria Casares xorde coa intención de identificar á actriz coa súa cidade natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.