As axudas á edición manteñen o seu orzamento

A Xunta apoia a edición, distribución e comercialización de libros con 200.000 euros

Ata o vindeiro 2 de agosto está aberto o prazo para solicitar as axudas para gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2022. A Consellería de Cultura publicou no Diario Oficial de Galicia esta convocatoria que conta, ao igual que no pasado ano, cun orzamento total de 200.000 euros.

Esta liña distribuirá subvencións por un máximo de 30.000 euros para cada editora que se acolla a ela, cun máximo de 20 títulos por solicitude. As axudas están dirixidas a obras editadas e distribuídas entre o 1 de setembro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, cunha tiraxe mínima de 500 exemplares agás nos xéneros de poesía, teatro e ensaio, que poderán recibir subvencións a partir dos 250 exemplares.