A Galicia Design Week pon en valor o deseño profesional

O evento comeza este venres na Coruña e inclúe actividades e exposicións

Achegar ao gran público o deseño en todas as súas variantes e aplicacións, fomentar as conexións e intercambios entre os profesionais galegos e de fóra e poñer en valor tanto aos seus profesionais como ao patrimonio cultural que esta actividade supón son os obxectivos da Galicia Design Week. A cidade da Coruña acollerá desde este venres 24 este evento, unha versión mellorada e aumentada do anterior Galicia Design Weekend, que reunirá o mellor do deseño galego xunto con referentes nacionais e internacionais. Serán sete días de conferencias, presentacións, obradoiros, roteiros, gastronomía, visuais e música, e exposicións, que permanecerán ata o 17 de xullo en Palexco e na Praza de Lugo.

O festival, que é de balde, ofrécese cun formato híbrido, presencial e en liña. O público poderá gozar da Galicia Design Week en catro eixos diferenciados: o Pro, con catro días de conferencias e presentacións; o Showcase, que inclúe tres exposicións dedicadas ao deseño; o Showroom, un escaparate dixital de creacións galegas e un roteiro por estudios e espazos de deseño da Coruña; e o Camp, con catro obradoiros e revisión de portafolios. Polo punto de encontro profesional Pro pasarán nomes do deseño que traballan en Galicia e no estranxeiro, coma Kike Besada; CuldeSac; Lucía García Rey; Realmente Bravo; Óscar Germade & extratype; Designit; Uqui Permui; Eloy Rodríguez e Santi Villamarín entre outros. Ademais a cociñeira estrela Michelin Lucía Freitas, a ceramista Laura Delgado e a cesteira Idoia Cuesta levarán a cabo unha performance de deseño gastronómico galego.
GDW22
GDW22


O festival está organizado pola asociación Galicia Design e a axencia Follow, coa Asociación Galega de Deseño (DAG), o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Clúster da Comunicación de Galicia e a Fundación DIDAC como socias. No Showcase haberá tres exposicións dedicadas ao deseño abertas desde o 24 de xuño ata o 17 de xullo. A sala municipal de exposicións de Palexco acollerá #omellordeseñodoano, cos traballos e traxectorias galegas premiadas en diferentes certames de prestixio internacional, e #futurodeseñogalego, unha mostra dos mellores traballos das escolas públicas de deseño galegas. Por outra banda, a Praza de Lugo será o escenario na rúa da exposición #novodeseñogalego, cunha mostra do mellor talento emerxente da comunidade sobre unha instalación deseñada polo estudio coruñés Flu-or.