
Coorganizado por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, a iniciativa "persegue fomentar o sentido de pertenza e de comunidade, abrir o deseño galego ao exterior, impulsar colaboracións e proxectos comúns, observar boas prácticas e amosar en Galicia traballos paradigmáticos que se fan noutros territorios", segundo explica a organización.
As 13 conferencias que compoñen a sección Pro preséntanse como un dos puntos fortes do programa, con nomes como Iago Barreiro e Alberto Carballido, Rígido, Carla Et Stik, Burr, Desescribir, Marta Cerdá, Marta Pazos, Amalia Puga ou Inma Horta a compartir a súas experiencias profesionais.
Dentro das propostas da iniciativa destacan tamén as exposicións de rúa. Neste apartado, Designed in Galicia presenta un repaso do mellor deseño do país no último ano, mentres #NovoDeseñoGalego dá a coñecer as propostas emerxentes da comunidade. O apartado Show, á súa vez, propón un escaparate, dixital e presencial, de creacións e espazos de artistas do noso país. A produtora Canada, a tipógrafa Marta Cerdà, a directora teatral Marta Pazos protagonizan este espazo.
A sección Sessions achegará ambientación musical ao programa con actuacións de DJ Certain People e DJ Gulya, que estará acompañada das obras visuais de Héctor de la Puente. Obradoiros de formación, propostas gastronómicas e actividades en colaboración con axentes locais completan o programa desta iniciativa.