'Cultura no Camiño' volve restrinxirse aos concellos dos camiños a Santiago

A liña de subvencións está dotada con 230.000 euros como en 2019

A Xunta prepara a 10ª edición do seu programa Cultura no Camiño, para a que mantén aberta a convocatoria de axudas ás que poden acollerse os concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas en Galicia co fin de programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xullo e o 10 de setembro, no marco da celebración do Xacobeo 21-22. Nos dous anos anteriores, o programa abriuse excepcionalmente á participación de todos os concellos de Galicia co fin de impulsar a reactivación da actividade cultural e proporcionarlle unha importante inxección económica ás empresas galegas de produción e distribución escénica e musical fronte aos efectos da pandemia no sector, por esa apertura esta liña de axudas chegou a manexar un orzamento de ata un millón de euros, que agora volve a cifras de 2019.


O Diario Oficial de Galicia publicou as bases destas subvencións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, dotadas con 230.000 euros para cofinanciar actuacións de teatro, música, danza, circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. A Xunta asumirá ata o 50% do custo das contratacións artísticas en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2.500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3.500 euros por axuda.