Historia e conceptos da diversidade sexual na mostra 'Sen cancelas'

O Consello da Cultura e a Xunta presentan a exposición didáctica que se moverá polos centros de ensino

O Instituto de Ensino Secundario Rosalía de Castro de Santiago de Compostela acolle ata o vindeiro 30 de xuño a exposición 'Sen cancelas. Memorias do arco da vella en Galicia', do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, que propón un percorrido histórico e conceptual sobre a diversidade sexual en Galicia. A mostra abriuse esta mañá cun acto público no que estiveron presentes a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, a conselleira, María Jesús Lorenzana, inauguraron esta mañá no claustro do Instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela este proxecto pensado principalmente para a mocidade que se amosará polos centros educativos do país. Tamén participaron desta apertura María Fontal, xefa de estudos do IES Rosalía de Castro; Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento e do comité asesor que deseñou os contidos tanto da exposición como do Foro Identidades e Disidencias Sexuais; e os comisarios da mostra, Daniela Ferrández e Enrique Latorre. A exposición tamén se pode consultar íntegra na rede desde o web do CCG.


Esta mostra formada por oito paneis, comeza explicando que a diversidade, está presente tanto nas persoas como nas sociedades e culturas. Despois ofrece un percorrido pola diversidade sexual e de xénero a través de diferentes culturas. Explícase a mención das virxes xuramentadas de Albania, os Beraches de América do norte ou o Muxe (ou mushe), termo procedente das culturas zapotecas de Oaxaca (México) que define a persoas que foron asignadas como varóns ao nacer pero que toman para si unha identidade de xénero feminina. A historia de Elisa e Marcela, a de Manuel Buján, ou a de Pedro Díaz e Muño Vandílaz son algunhas das historias que se poden descubrir noutro dos paneis da mostra, que tamén dedica un espazo a visibilizar figuras como as de Laura Bugallo ou Eduardo Blanco Amor, entre outros, que foron referente galegos da diversidade sexual.