A arte do Parlamento amosarase por Galicia e en Madrid

Unha escolma de pezas da súa colección artística conformará unha mostra temporal e itinerante

Unha escolma de pezas da colección de arte do Parlamento de Galicia amosarase de xeito itinerante por varias localidades galegas. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, Román Rodríguez González, asinaron este mediodía un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha exposición temporal e itinerante que, baixo o título 'Comparte' sacará da sede parlamentaria unha escolma de pezas da colección de arte da Cámara autonómica. A mostra será comisariada pola Real Academia Galega de Belas Artes, que asesora ao Parlamento en aspectos relacionados coa propia colección de arte. A selección das obras participantes na exposición efectuarase seguindo criterios museolóxicos, tendo en conta as características dos diferentes espazos expositivos, que serán propostos pola Consellería de Cultura.

Segundo o previsto a mostra itinerante percorrerá as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así como outras localidades galegas a determinar, priorizando os criterios de poboación. A mostra tamén visitará Madrid, ao tempo que se contempla a posibilidade de achegala a algunhas cidades do exterior; neste caso terase en conta a presenza galega e o potencial desta mostra para a proxección exterior da Comunidade e dos artistas galegos contemporáneos. A colección de arte do Parlamento de Galicia está integrada por máis de 300 obras: pintura e escultura, fundamentalmente, aínda que conta tamén con fotografías, documentos, reposteiros, vidreiras e medallas. Trátase de obras do século XX e de comezos do XXI que nuns casos son propiedade da Cámara e noutros están cedidas en depósito.