O poeta, profesor e columnista Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) ven de resultar gañador da Vª edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey, que convoca o Concello de Fornelos de Montes. O xurado, formado por Ramón Nicolás, Carme Vidal, Ramón Rozas e Carmen Carreiro, escolleu por unanimidade o texto inédito titulado "Mentres tanto, dáme a man", presentado co lema "liliaceae tulipa", destacando a visibilización que fai da homofobia e a súa calidade literaria "con grandes acertos que introducen expresións de fondo alento poético" . O xurado destacou que o artigo se axusta "ao contido social que se demanda na convocatoria do premio e responde a unha temática de grande actualidade". A dotación do premio é de 1.000 euros. Ismael Ramos é unha das novas voces poéticas máis importantes da súa xeración. Segundo lembra a organización do Premio Lueiro, publicou os poemarios 'Lixeiro' (Xerais, 2021), 'Lumes' (Apiario, 2017) e 'Os fillos da fame' (Premio Johán Carballeira, Xerais, 2016). Participou tamén na publicación de homenaxe a Xela Arias, 'O equilibrio dos extremos' (2021) do Consello da Cultura Galega.