Ramón Vilar obtén o VII Premio Lueiro Rey de xornalismo

Recibirá 1.000 euros polo seu artigo A veciña do segundo

| Santiago. Redacción | Seccións: Comunicación
Compartir:
Ramón Vilar obtén o VII Premio Lueiro Rey de xornalismo

Cun artigo titulado A veciña do segundo, o escritor e xornalista Ramón Vilar fíxose coa VII edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Xornalismo. O galardón que convoca o Concello de Fornelos de Montes conta cunha dotación de 1.000 euros e recoñece textos centrados no ámbito da denuncia social.

Segundo recolle o fallo do galardón, o autor consegue no seu traballo "transmitir, desde a emoción e a homenaxe, a relevancia que as persoas maiores teñen na comunidade, e o moito que poden achegar ás xeracións novas". Para o xurado, Vilar explora a cuestión "dende o cotián, desde os sentimentos, reparando en persoas que están ao noso arredor e moitas veces pasan case inadvertidas".

Deste xeito, "o autor fai un exercicio de recoñecemento, de homenaxe, a unha muller coa que cadra no fin da súa vida, mais que fica na memoria tempo despois da súa morte. O artigo fai así protagonista a unha muller de máis de noventa anos, coa que a voz que relata non ten relación familiar, mais deixa pegada imborrable na súa vida e a dos seus".

Ramón Rozas, Ramón Nicolás, a xornalista Carme Vidal e a coordinadora do premio, Carme Carreiro, compuxeron o comité de selección do premio. O gañador recibirá o galardón nun acto que se desenvolverá o vindeiro 23 de maio no Concello de Fornelos de Montes.

Que che parece esta nova?
66 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xornalismo, Premio Manuel Lueiro Rey, Carme Vidal, Ramón Rozas...