Adxudicadas as subvencións a salas privadas de artes escénicas

Sala Ártika, Teatro Ensalle, Sala Gurugú e Teatro del Andamio volven acadar o apoio económico desta liña de axudas públicas

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a resolución de adxudicación das súas subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada, a través da que distribúe 150.000 euros entre os espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e os coruñeses Sala Gurugú e Teatro del Andamio. Este son todos os que se presentaron á convocatoria da administración autonómica. Repítese por terceiro ano consecutivo a contía orzamentaria repartida, ademais os catro locais repiten por terceiro ano consecutivo e canda menos, tres deles mantéñense como beneficiarios desta liña desde 2014 . A prioridade da convocatoria é impulsar o desenvolvemento dunha programación de carácter profesional e a consolidación destes recintos como xeradores dunha destacada actividade ao servizo da difusión das artes escénicas.

Como en anos anteriores, para a concesión das axudas creouse unha comisión de avaliación que tivo en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a pertenza á Rede Galega de Salas o ano pasado. O proxecto presentado, con aspectos como o número de funcións ou a programación de compañías galegas, foi outra das cuestións valoradas, así como o plan de comunicación e de xestión de públicos, os recursos humanos implicados, a viabilidade económica e a porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento. Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, a sala Ártika volveu acadar a máxima puntuación, en base á que recibirá unha subvención de 53.083 euros, seguida de Teatro Ensalle cunha achega de 50.378 euros, Teatro del Andamio con 26.783 euros e Sala Gurugú con 19.784 euros. Estas contías deben destinarse a cubrir os gastos vinculados coa súa programación, como remuneracións por espectáculo, servizos asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade. Así mesmo, se considera subvencionable ata o 10% dos custos indirectos, como alugueiros, subministracións e gastos correntes, entre outros.

Que che parece esta nova?
71 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Artes Escénicas, Sala Ártika, Sala Gurugú...