A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no seu web a resolución das subvencións a salas de artes escénicas para 2018, mediante a que distribúe os 70.000 euros convocados entre cinco locais da Coruña, O Porriño e Vigo. Estes espazos son Teatro Ensalle (23.100 euros) e Sala Teatro Ártika (21.840 euros), ambas en Vigo; Teatro del Andamio (12.927 euros) e Sala Gurugú (6.928 euros), na Coruña; e a Sala Ingrávida (5.203 euros) do Porriño. A través deste apoio económico, a administración pública contribúe ao mantemento da actividade destes locais, de xestión privada, para desenvolver programacións artísticas de carácter profesional. Entre os criterios que se tiveron en conta na adxudicación das subvencións, valorouse a antigüidade das empresas xestoras, a súa pertenza á Rede Galega de Salas, o número de funcións en cartel (excluídas as programadas a través da devandita rede), o número de días con actividade aberta ao público, a contratación de compañías galegas, o desenvolvemento de programas complementarios (fomento de novos creadores, formación ou colaboración con centros de ensino), o plan de comunicación e xestión de públicos e os recursos humanos implicados. Esta liña de axudas é compatible coas derivadas do financiamento da programación da Rede Galega de Salas, circuíto do que forman parte catro dos espazos subvencionados (Ensalle, Gurugú, Ingrávida e Teatro del Andamio) xunto á Fundación SGAE de Santiago de Compostela.