A Portrait On The Search For Happiness faise co premio da MICE

O Mostra de Cinema Etnográfico recoñeceu tamén o filme galego El último de Arganeo

O Mostra de Cinema Etnográfico recoñeceu tamén o filme galego <i>El último de Arganeo</i>
Este domingo 3 de abril fechaba as súas portas en Compostela a XVII edición da Mostra Internacional do Cinema Etnográfico. A entrega de galardóns consagrou como vencedor o filme sobre a minaría de diamantes na Africa do Sul A Portrait On The Search For Happiness, que levou os mil euros do Premio MICE a Mellor Filme.

O mellor filme galego desta edición foi El último de Arganeo, retrato dun mozo pastor que visibiliza, segundo a organización "modelos en período de extinción e creación de referentes identitarios de ligazón a lugares que tenden a ser esquecidos". O galardón está dotado con 800 euros.

A Mención de Honra do Xurado foi para Pedra patria, de Maciá Florit, mentres o premio da Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro) á Excelencia Antropolóxica recaeu en Votre Confort Et Votre Sécurité, de Frédéric Mainçon, "pola investigación etnográfica acerca da invisibilidade e do estereotipo das persoas racializadas nas sociedades europeas". A mención de honra neste apartado levouna o filme Room Without a View, da cineasta catalá Roser Corella.

O premio CREA, da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, foi para Paraíso, "por ser un filme que mostra unha relacion sensorial e emotiva das persoas co seu lugar (La Kave), que rexeitan unha visión produtivista do bosque". O palmarés complétase co Premio do Público, que recaeu en Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, un filme que "reconstrúe a vida de Vilagarcía de Arousa e dos seus habitantes a través de vellas películas que gardaba a veciñanza e que doaron á asociación O Faiado da Memoria".