
A obra, que xa está dispoñible na rede, recolle a totalidade da produción de LIX galega no pasado ano, e servirá como ferramenta de promoción deste sector nas catro feiras internacionais do libro nas que estará presente Galicia, logo de pasar pola de Boloña, celebrada ao longo desta semana.
Segundo apunta Xosé Antonio Perozo, presidente de Gálix, no texto de presentación da obra, nos últimos anos "os álbums, os libros infantís e xuvenís salvaron as contas de resultados de moitas editoras importantes que antes non lles prestaban atención" e sinala que, logo dun tempo marcado pola pandemia de Covid-19, "a vitalidade e puxanza crecente da LIX galega, que se amosaba contra o ano 2019 como imparable, parece iniciar o camiño da recuperación", tal e como indican as cifras recollidas no catálogo.