
Senllos desfiles en cada unha das localidades amosarán os personaxes tradicionais de vinte e seis entroidos tradicionais galegos, sete españois, dous portugueses e unha delegación de Cerdeña cos seus Mamuthones e Issohadores. En total, está prevista a participación no evento de trinta e nove agrupacións e corenta e seis máscaras diferentes.
De xeito previo a estes desfiles, o venres 18, unha conferencia sobre os entroidos, unha exposición sobre o Entroido de Viana e un primeiro folión abrirán as actividades. O programa inclúe tamén a celebración do Vibomarket, mercado de produtos artesanais locais, e ambientación musical ao longo de todo o encontro. Unha representación da obra A viaxe de José do Campo: unha historia musical dende o Courel a Nova Orleáns a cargo da Asociación O Fiadeiro fechará a edición en Viana do Bolo.