Campás, chocas, chocos, axóuxeres ou campaíñas son, nas súas múltiples variedades, partes esenciais do Entroido tradicional, tanto no noso país como por toda Europa. A pescudar nese característico son que percorre aldeas e vilas nestas festas, a artista Monica Mura realizou a montaxe Ser son na que traballa con estas pezas. A partir deste traballo, esta creadora nada en Italia reflexiona sobre a cuestión do xénero e as máscaras e os problemas para a transmisión destes ritos.
Desde o pasado 8 de febreiro e ata o 7 de abril a sala ourensá Alterarte, dependente da Universidade de Vigo, acolle a instalación Ser son. Comisariado por Sara Donoso, este proxecto foi desenvolvido por Monica Mura, creadora sarda instalada desde hai dúas décadas en Santiago de Compostela. A persoa que entre na sala atopará dezaoito cordas, cada unha correspondente a unha máscara tradicional dos entroidos ourensáns, das que penduran os correspondentes chocallos e campás de cada un destes personaxes. Bonitas de Sande, Boteiros de Viana e de Vilariño de Conso, Cabreiros de Muíños, Chocalleiros de Vilardevós, Cigarróns de Verín, Felos de Esgos e de Maceda, Follateiros de Lobios, Labardeiros e Señoritas de Mugares, a Mázcara de Buxán (O Bolo) e Manzaneda, Pantallas de Xinzo, Peliqueiros de Laza, Pitas da Eiroás, Troteiros de Bande, Verllaróns de Riós e Vergalleiros de Sarreaus están representados por estes elementos sonoros.
A instalación Ser son.
As cordas están atadas por un extremo a un cinto e polo outro á parede, a deixar de cara ao público unha parte baleira. Á hora de dispor as pezas na sala, Mura optou por "organizalas coma un instrumento musical, que permitise combinar os diferentes sons". De xeito que os diferentes tipos de campás agrupáronse dándolle unha maior preeminencia aos conxuntos de maior tamaño e aos que tiñan máis elementos. "Desde a esquerda atópanse chocos, chocas ou chocallos, na parte de atrás metín axóuxeres e campaíñas e logo no final, xa cara á dereita, están os grupos con máis campás". Logo de distribuír as cordas, Mura comprobou que "a instalación comeza cos chocallos dos Felos de Maceda, á esquerda segundo se olla, e remata curiosamente cos Felos de Esgos, non foi algo buscado, pero resultoume curioso".
A performance
As campás foron activadas pola artista, que vestiu o cinto na inauguración da exposición. Desenvolveu entón un movemento que "non chamaría danza, son movementos espontáneos que xorden no momento". Nese momento "créase unha situación na que, aínda que eu xero o movemento, o peso das campás leva a crear un ritmo que ás veces controlo e no que ás veces me deixo levar. Xeras un son e bailas ao tempo", explica a artista. De cara a manter a esencia da experiencia, a creadora non quere repetir moito esta acción. "Se a fago demasiadas veces perde forza e frescura, transfórmase nunha actuación", asegura. Nas dúas ocasións en que activou o dispositivo, na inauguración e na gravación do vídeo que fai parte do proxecto, "o movemento levábame á idea dunha onda de auga", explica. Como resultado das súas oscilacións xurdiu un son mesturado no que "resulta imposible tocar unha corda sen que se active outra ao tempo, iso fálanos tamén das conexións entre as máscaras da provincia". Nunha visita á instalación pode verse a gravación de Mura a activar este dispositivo sonoro. "Cando non a activo, a instalación queda en silencio co baleiro que deixa a ausencia dun corpo no cinto", unha experiencia que a artista relaciona "co propio silencio das máscaras cando non é entroido", xa que as propias comunidades salientan que "só as chaman nas datas das festas, o resto do ano semella que non existen".
Fragmento da performance de Ser son
De Cerdeña a Ourense
Mura desenvolve desde hai anos o seu interese polo ámbito sonoro no campo da arte contemporánea. No marco deste, desenvolveu en 2021 a instalación Sonallas dentro do ciclo De fugas de interferencias no Centro Galego de Arte Contemporánea. Neste proxecto, recollía once cordas, cada unha das cales estaba vencellada a un chocallo diferente dos que se empregan no Entroido da súa Cerdeña natal. Detrás desta montaxe estaba a intención de "ver como as tradicións evolucionan ou se resisten ao cambio. Con aquela instalación quixen apropiarme do elemento da campá, que alí fica alleado á muller, e levalo á arte contemporánea". Naquel caso os sons activábanse mediante un movemento de brazos que á artista lle lembrou o propio das rendas dos cabalos. Desde o momento no que desenvolveu Sonallas, a creadora valorou desenvolver unha experiencia semellante sobre o Entroido galego. "Primeiro pensei en facer dialogar os sons dos dous lugares nunha instalación conxunta. Cando xurdiu a ocasión de traballar na Sala Alterarte de Ourense tiven que adaptar a idea de xeito específico para este lugar", explica, aínda sempre tivo claro que "descartei a posibilidade de recrear os bailes ou os sons das máscaras cando van pola rúa. Sería tentar copiar mal algo que está ben feito por quen o ten que facer".
A investigación
Para abordar Ser son, Mura desenvolveu unha intensa investigación arredor dos entroidos tradicionais de Ourense "que tiña como referencia mais que tampouco coñecía polo miúdo". No seu traballo contabilizou dezaoito máscaras en activo que portan este tipo de elementos sonoros. Documentación, chamadas telefónicas, entrevistas por Internet e outros medios permitíronlle entrar en contacto con representantes destas dezaoito variantes da tradición do Entroido da provincia. "Houbo información de quince máscaras que me chegou en respostas ao correo electrónico, para outras tres tiven que chamar por problemas de tecnoloxía, pero conseguín material e información de todas", explica. A participación da xente que celebra estes ritos é para a artista unha parte fundamental da experiencia artística. "Quería crear ese diálogo con eles, é o xeito no que entendo a arte. Non é o mesmo que seu chegase, mercase todas as pezas e montase o proxecto".
A variedade das campás
A cada un destes Entroidos, Mura solicitoulles unha mostra do material sonoro que empregan nas súas festas. "Dinlles a opción de que me deixasen un xogo completo. Isto era especialmente importante para os casos nos que o conxunto conta cun número específico de campaíñas macho e femia, de diferentes tons. Para outros casos pedinlles que achegasen o que puidesen, mesmo que fose unha peza simbólica. A maioría emprestáronme xogos completos para a instalación, de xeito totalmente desinteresado". A implicación dos colectivos do Entroido ourensán consultados no proxecto chegou ao punto de que "houbo persoas que decidiron non saír este ano coa máscara para poder ceder o seu cinto coas campás ao proxecto. Isto para min é sinal que entenderon a importancia de estar presentes nesta instalación". De xeito xeral, a artista recoñece que "para estes colectivos foi un esforzo importante, xusto no momento do ano no que saen as máscaras e precisan as campás e os chocallos. E aínda máis cando vimos de dous anos nos que non puideron celebrar o Entroido e teñen moita gana". A selección de pezas presente en Ser son oscila entre pequenas campás e bloques completos que poden ter un valor de centos de euros. En total, "ao contalas comprobei que son exactamente cen pezas, cun peso duns trinta quilos".
A muller baixo a máscara
Dentro do seu interese polo Entroido e as mudanzas da tradición apareceu a cuestión do xénero. En Cerdeña as mulleres non poden vestir máscaras tradicionais como son os Mamuthones ou os Merdules. "Cando investiguei esta cuestión dicíanme que a muller non podía empregalas porque o propio ritual tiña un aspecto de afastar o mal que podía ser perigoso para elas, e ao non participar ficaban protexidas. A figura da muller neses casos incorpórase a esas máscaras vestidas por homes mediante elementos como o pano que levan na cabeza" e que se pode ver tamén en diferentes figuras do Entroido galego. Canda a isto, un dos motivos máis habituais para negar a participación feminina nestes ritos está no esforzo físico que supón encarnar un destes personaxes. "En Cerdeña vin o caso de mulleres que se organizaran, adestraran en segredo e saíran coa máscara. Dicían que non fora por reivindicación, senón por ganas de vestir a máscara, pero cando chegaron á praza quitárona e viuse que eran mulleres". Nese caso, para Mura "non hai consciencia desa reivindicación, priorízase a transmisión da tradición sen cuestionar se hai elementos na mesma que se poden actualizar ou axeitar á realidade da época".
Entroido inclusivo
No caso galego, pola contra, a investigación de Mura revela que "sen termos constancia exacta de como pasou en cada máscara, o resumo é que as mulleres en xeral vestíronas. Quizais para manter a tradición en momentos nos que os homes non estaban presentes na aldea para celebrar o Entroido ou durante a represión da festa durante o franquismo", explica. "Cando esa prohibición acabou, había tanta gana de vestir a máscara que ao final todas foron caendo, e as dezaoito que recollín vístense hoxe de xeito mixto, algunhas tamén a incluír nenos e nenas". Isto tamén aparece recollido, aínda que non de xeito evidente, na instalación Ser son. "Pensaba empregar un código de cores nas cordas para identificar se cada unha das máscaras era mixta, masculina ou só para persoas adultas. Ao final son monocromáticas porque vin que este mesmo ano unha das últimas máscaras que só vestían homes incorporará mulleres. Non quixeron dicir quen son, pero a partir deste ano ese código de cores xa non valería".
As variedades das campás
Outra cuestión que indagou esta creadora era se o número e tipo de chocas empregadas estaba definido de xeito estrito. "Tentei entender se había tamaños determinados, se portaban un número concreto de pezas ou se as organizaban dun xeito particular", explica. "Había casos nos que isto era bastante aleatorio, mentres noutras festas si que se establecía unha orde concreta ou mesmo se combinaban chocos e chocas, máis pequenas, con diferentes sons nunha mesma máscara". No entanto, mesmo nas máis estritas, nos últimos anos mudou a configuración dos sons. "Cando se introduciu que as mulleres e os nenos tamén puidesen levar a máscara, adaptouse ese número para que as puidesen levar con máis facilidade. Tamén hai homes que optan por levar menos peso, vese que hai unha intención de adaptar ese elemento da tradición", explica a artista.
Unha artesanía perdida
Na súa pescuda, Mura atopou dificultades co amplo vocabulario que se conserva no país para falar estes elementos sonoros. "Saíron respostas tanto en castelán como en galego, a falar de campanillas, cascabeis, chocallos, chocas, chocos, esquilas, esquilos e outros termos". De xeito similar tampouco resultou sinxelo determinar o material do que se di que están feitas estas pezas. "Hai quen fala de ferro, bronce, outros metais, latón, metal en xeral ou aleación", sinala. O que comprobou é que estas pezas veñen de fóra do país e que non se conserva a tradición artesá de as fabricar. "En Cerdeña é un oficio que segue vivo e que se traspasa entre xeracións, con consciencia da súa importancia. Aquí sorprendeume non atopar ninguén que produza estes chocallos. Houbo quen me dixo que si había artesáns, pero non mos souberon identificar. Todos cos que puiden falar dicíanme que eles armaban os cintos, pero as chocas e as campás as mercaban fora, en España ou Portugal, ou en feiras. Mesmo que haxa alguén que fabrique puntualmente estes elementos, está claro que se perdeu o oficio, e resúltame rechamante pola importancia destes elementos no Entroido galego".
O futuro das festas
Unha cuestión que Mura descubriu na súa investigación foi que "a maioría destas mascaradas fanse en aldeas pequenas das que a xente nova marcha. Entón existe a posibilidade de que a supervivencia destas máscaras sexa precaria e moitas desaparezan en poucos anos". A situación en determinados lugares deu para que se desenvolvese un curioso movemento de poboación arredor destas datas. "Hai moitos sitios onde a maior parte da mocidade xa vive fóra. Alí son aqueles que xa teñen fillos os que voltan cada Entroido para vestir a máscara a transmitila así á súa descendencia". Con esta consciencia, Mura preocupouse de gravar por separado o son de cada campá para rexistrar uns elementos que poden deixar de se sentir nas aldeas en pouco tempo.
O poder do son
Cando lles explicou o proxecto, "ás persoas destes entroidos custáballes entender como as máscaras podían estar representadas só polo seu son, xa que para moitos o principal era o aspecto visual. Outros desconfiaban de que se conseguise un son fiel ao que fan". En xeral, "cando viron a instalación emocionáronse e dixéronme que lle parecía incrible como podían recoñecer a súa propia máscara polo son". De xeito similar "independentemente do son específico das campás, observei que o público se emociona sen importar o seu lugar de procedencia. Houbo a quen lle trouxo lembranzas persoais, pero a moitas outras non, e tamén se emocionaron, porque ao final falamos de sons ancestrais. O son lévanos a puntos da memoria onde non chegan os estímulos visuais".
O futuro do son
De cara ao futuro, Mura recoñece que vai sentir "moita mágoa por desmontar" Ser son, e apunta que lle gustaría atopar o xeito de que tanto a instalación como os materiais que obtivo na súa investigación previa, atopasen un lugar para ficar. "Gustaríame atopar apoio para que quedase montada nalgunha sala, e que tanto a documentación como as gravacións das campás que realicei puidesen ficar nalgures, ou mesmo facer un libro ou un catálogo con este material". Outra opción que baralla para o futuro do proxecto é "facer outra instalación na que dialoguen os sons dos entroidos de Cerdeña e de Galicia. Tamén me gustaría viaxar para descubrir as máscaras de Europa e de Latinoamérica, e facer rexistros sonoros deses entroidos".