A fotógrafa que levou a Rosalía a Manhattan

Un estudo de Alba Rodríguez considera a fotógrafa Ruth Matilda Anderson como a principal tradutora ao inglés de Rosalía de Castro ata 1964

Un estudo de Alba Rodríguez considera a fotógrafa Ruth Matilda Anderson como a principal tradutora ao inglés de Rosalía de Castro ata 1964
Ruth Matilda Anderson / Rosalía de Castro (Brocos)
A norteamericana Ruth Matilda Anderson é ben coñecida en Galicia por ser a autora da colección de fotos etnográficas e documentais sobre o país máis importante das primeiras décadas do século XX, realizadas para a Hispanic Society de Nova York. Pero a investigadora Alba Rodríguez Saavedra vén de recuperar unha faceta moito máis descoñecida: a de Anderson como tradutora de Rosalía de Castro, e así o publicou no último número da revista de tradución Viceversa da Universidade de Vigo. "A fotógrafa realizou o maior número de traducións ao inglés de textos da poeta recollidos nunha soa publicación antes de 1964", sinala Rodríguez.

Os poemas foron traducidos como paratextos no libro Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, editado en Nova York durante o último ano da Guerra Civil, en 1939. Como o libro non tivo distribución en España, "o sistema galego ficou alleo ás achegas de Anderson durante oitenta anos". Un dos aspectos máis chamativos da tradución de Anderson é que a fotógrafa "aprendeu galego para traducilos e sabemos con certeza que non contaron co castelán como lingua intermedia, como si veu acontecemendo na maior parte dos casos, mesmo ata etapas ben recentes". Como exemplo desa capacidade de Anderson por introducirse no poema, Alba Rodríguez sinala que "O chirrar dos carros da Ponte" para a ser traducido en inglés como "Whining of Cesures cart", cambiando o nome do lugar da Ponte polo da parroquia, que tiña unha maior entidade referencial. Anderson non só traduciu fragmentos de Rosalía, senón que botou man de textos moi diversos, desde a literatura medieval, refráns ou os grandes nomes das letras galegas. O interese de Anderson pola lingua galega levábaa mesmo a rexistrar as variantes dialectais.

Saavedra destaca que a escolma de Anderson "testemuña a sociedade da época" e foron textos "escollidos por unha profesional, Anderson, perfeccionaista ata o extremo". Pero segundo Rodríguez, entre as moitas Rosalía de Castro, Anderson escolle unha: "Gallegan Provinces desbarata o retrato costumista, vitimista e laiante de Rosalía, promocionado polo canon e revela unha poeta con ansias de liberdade e claro posicionamento feminista".